Venres 23 de Agosto de 2019

Galicia Senderismo organiza este domingo unha ruta de 15 km polo Río Vilacoba e posterior visita ás minas de San Finx


 

As inscricións están abertas ata o venres 26, ás 20:00 horas, en www.galiciasenderismo.com

Galicia Senderismo, en colaboración co Concello de Lousame, organiza este domingo 28 de xullo unha ruta de sendeirismo polo Río Vilacoba, de dificultade media, que inclúe unha posterior visita ás minas de San Finx. “Adaptamos esta ruta ao tempo estival, pasando dos 20 aos 15 quilómetros e facendo que transcorra nun 85% á sombra e o 80% do percorrido en baixada”, explica Sindo Gandarela, presidente de Galicia Senderismo.

O prezo da ruta é de 12 euros e inclúe o bus de traslado a Toxosoutos e seguros. As inscricións poden facerse a través de www.galiciasenderismo.com antes do vindeiro venres 26 de xullo. O número de prazas é limitado.

Percorrido

A expedición sairá ás 9:00 horas do domingo 28 de xullo da praza do Concello de Lousame, a onde está prevista a volta ás 17:30 horas. Iso si, a expedición collerá un autobús ata o mosteiro de San Xusto de Toxosoutos, de onde partirá a ruta cunha pequena ascensión de 2 km ata o Monte Culou, onde poderán desfrutar dunha vista da ría de Muros-Noia, para baixar outros 4 km ata a Ponte Vella do río Vilacoba.

“Esta ruta é sombría e fresca, a diferenza da anterior, porque seguiremos o sendeiro do río desfrutando da espectacular contorna fluvial, salpicada de fervenzas, ata chegar á Ponte Gaiteira. Descubriremos os enxeños hidráulicos que forman parte da cultura popular do pasado: papeleiras, canles, muíños… conforman unha paisaxe fluvial cun sistema de aproveitamento ecolóxico da agua”, apunta Sindo Gandarela.

A ruta rematará na praza do Concello, dende onde os sendeiristas collerán os seus vehículos para desprazárense ata as Minas de San Finx, onde farán unha visita guiada polo seu museo. O xantar pode ter lugar no merendeiro das minas ou no propio restaurante de San Finx.