Venres 23 de Agosto de 2019

O Compostela Trad Fest ofrecerá máis de 13 horas de música tradicional da man de 200 artistas


O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, presentou en rolda de prensa o Compostela Trad Fest, promovido por La Voz de Galicia, que se celebrará o venres 26 de xullo en varios espazos da cidade. A xornada, que incluirá obradoiros, concertos ou bailes, entre outras actividades, pecharase cun gran concerto na praza da Quintana que reunirá a Banda de Música de Silleda, Banda de Gaitas de Forcarei, Bouba, Abraham Cupeiro, Suso Vaamonde, Josele, Davide Salvado, Begoña Lorenzo ou Pablo Seoane, entre outros.

Gonzalo Muíños destacou as novidades deste ano do festival, que transcenderá da praza da Quintana, con concertos e actividades en lugares como Bonaval, Mazarelos, praza do 8 de Marzo, San Martiño Pinario e outras rúas e prazas do Casco Histórico e tamén do Ensanche. A música e o baile arrincarán ás 11:00 horas e seguirán ata a madrugada.

O peche do festival será un concerto na Quintana que, como anticipou o concelleiro, será unha «preestrea» do espectáculo que abrirá o Festival de Lorient o vindeiro 3 de agosto. O evento galo, que alcanza a súa 49ª edición, dedica este ano a Galicia e a apertura do festival corresponderá a este espectáculo que xunta a Banda de Música de Silleda e a Banda de Gaitas de Forcarei con numerosos convidados.

O Trad Fest, en palabras de Vitor Belho, de Nordesía, e un «novo reto» que nace para «proxectar o talento galego» e «celebrar a aposta por unha realidade musical que está presenten no conxunto do territorio». Tradición e modernidade únense neste evento, tal como resaltou tamén un dos seus participantes, o bailarín Óscar Cobos, quen animou á xente a que «vexa, entenda e desfrute» das diferentes propostas.

Unha desas actuacións será a de Caamaño & Ameixeiras, que amosarán o seu modo de entender a música dende «a mestizaxe musical e cultural», apuntou unha das súas integrantes, Antía Ameixeiras. Xunto a eles estarán ao longo da xornada máis de 200 artistas, que amenizarán máis de 13 horas de cancións, bailes, pasarrúas, obradoiros ou actividades infantís. «Este é un festival de festivais, con ata 21 accións diferentes», indicou Mauro Sanín, de aCentral Folque. Cheny Wa Gune, Óscar Cobos, Caamaño & Ameixeiras, Os Fondaos do Pífaro, Obal, Handle with Swing ou Os da Porta son só algúns dos nomes deste Trad Fest
Tamén participou na rolda de prensa a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen destacou que o Trad Fest permitiranos ver «a Galicia máis auténtica e a máis innovadora», con accións que serán un escaparate da «Galicia integradora, hospitalaria, creativa e contemporánea» para os milleiros de visitantes que nestas datas chegan a Compostela.

Programación do mércores 24
A programación do mércores 24 está marcada pola celebración dos Fogos do Apóstolo a partir das 23:30 horas. Proxeccións, pirotecnia e música mesturaranse nun espectáculo que repasará algúns episodios da historia de Compostela, cunha lembranza especial dalgunhas das mulleres que marcaron esa historia.

As actividades da xornada arrincarán ás 12:00 horas na praza da Quintana co encontro de xigantes e cabezudos, que logo irán cara o Toural. Xa pola tarde, o Estadio Municipal «Verónica Boquete» de San Lázaro acollerá a cuarta edición do Memorial Antonio Bermúdez, que nesta ocasión enfrontará á SD Compostela e ao Real Club Celta «B».

A música comezará ás 22:00 horas co concerto de Moon Cresta na praza do Toural. E seguirá logo dos Fogos, a partir da medianoite, na praza da Quintana, onde actuará La Maravillosa Orquesta del Alcohol (La M.O.D.A). Para os que prefiran outro tipo de ritmos, Los Trovadores estarán na Alameda á mesma hora.