Venres 23 de Agosto de 2019

A Xunta inicia a elaboración do Plan Integral do saneamento de Noia, cuxa redacción conta cun orzamento de máis de 200.000 euros


 

O alcalde de Noia, Santiago Freire, amosou a súa satisfacción pola posta en marcha deste estudo que ofrecerá “un diagnóstico completo do estado a rede de saneamento e abastecemento”

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, anunciaron o comezo da redacción do plan nunha xuntanza mantida co equipo de goberno

A Xunta vén de dar inicio á redacción do Plan Director de Saneamento de Noia a través dun investimento de máis de 200.000 euros. Trátase dun documento que ofrecerá “un diagnóstico completo do estado da rede de abastecemento e saneamento de Noia”. Así o indicou o alcalde noiés, Santiago Freire Abeijón, que mantivo esta mañá unha xuntanza coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, xunto con outros integrantes do goberno municipal.

O rexedor noiés lembrou que este estudo vén a reforzar actuacións precedentes en materia de saneamento acometidas pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda. “Entre elas, atópanse as reformas e remodelacións acometidas na EDAR de Noia e que supuxeron unha inversión de 150.000 euros. A través do convenio asinado coa Xunta, puidemos acometer as melloras máis urxentes nesta infraestrutura, que seguiremos optimizando dende o Concello a través de diversos investimentos”, explicou Santiago Freire Abeijón.

No encontro desta mañá, Ethel Vázquez informou sobre o inicio da elaboración do Plan de Saneamento de Noia, recentemente adxudicado por un importe de 210.000 euros. A redacción do mesmo, indicou a conselleira de Infraestruturas, “ten un prazo de 10 meses, polo que o vindeiro verán contaremos cunha radiografía completa de toda a rede. Tamén estarán concretadas as actuacións coas que se desenvolverá o saneamento integral da ría de Noia”, concretou Vázquez.

A conselleira puxo en valor o esforzo xa realizado polo Goberno galego para a mellora da calidade das augas da ría de Noia, a través de investimentos autonómicos que acadan case os 43 millóns de euros. Iso permitiu pór en servizo as depuradoras das principais aglomeracións urbanas da ría: Muros, Porto do Son e Esteiro, ademais da mellora da rede de coletores de Noia.

Ethel Vázquez declarou que, grazas a este tipo de actuacións impulsadas pola Xunta, hoxe o 90% das aglomeracións urbanas galegas cumpren a directiva europea de depuración, fronte ao 50% de hai 10 anos.

Trátase, apuntou, dun paso de xigante que cómpre completar con iniciativas como a que hoxe presentou no Concello de Noia, de elaboración dun Plan director de saneamento do municipio. Trátase dun programa enmarcado no proxecto europeo Aquamundam dentro do Interreg de cooperación transfronteiriza, que busca a mellora ambiental a través dunha xestión máis eficaz do ciclo da auga.