Martes 31 de Marzo de 2020

Ovidio Rodeiro clausura o obradoiro de emprego de Muros que formou a 20 alumnos en interpretación e educación ambiental e en atención sanitaria a domicilio


 

O delegado territorial destacou que a comarca de Barbanza contou en 2018 cun total de 6 talleres de formación e emprego grazas a un investimento da Xunta de 1,4 millóns de euros

Un total de 20 alumnas e alumnos formáronse nos últimos nove meses en Interpretación e Educación Ambiental e en Atención Sociosanitaria a Persoas en Domicilio, grazas a un obradoiro de emprego que contou cunha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 316.000 euros. Os alumnos comezaron a formación teórica e práctica o pasado mes de outubro e concluíron esta mesma semana.

Ovidio Rodeiro foi o encargado de clausurar o taller de emprego “OE Sete Fontes” financiado pola Xunta de Galicia coa colaboración do Concello de Muros e Carnota.

Os traballos prácticos de atención socio sanitaria a persoas no domicilio realizáronse nos dous concellos de Muros e Carnota e as prácticas de interpretación e educación ambiental tiveron lugar no Museo do Mar e Pozo do Cachón en Muros e en Carnota con persoal de turismo e medio ambiente

Ovidio Rodeiro destacou na súa intervención a importancia de mellorar a cualificación dos galegos e galegas para favorecer o seu acceso ao mercado laboral e dar resposta, á vez, ás necesidades reais dos principais sectores produtivos da Comunidade. Explicou, neste senso, que os cursos de formación e emprego se adaptan ás necesidades das empresas da contorna. Nesta liña, apuntou que “as estatísticas demostran que o 60% dos participantes logran atopar un emprego nos primeiros seis meses e incluso antes de rematar a súa formación, o que pon en evidencia a utilidade destes obradoiros”.

Obradoiros
Os municipios das comarcas do Barbanza contaron en 2018 cun total de 6 obradoiros de emprego, 4 deles de carácter dual, onde participaron alumnos e alumnas de calquera idade e 2 de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu en políticas activas de emprego 1.431.491 millóns de euros.

Os talleres ordinarios contan con formación e un acceso a un contrato de traballo durante nove meses e os duais a maiores ofrecen 3 meses máis de traballo nunha empresa da zona na especialidade na que se forman os alumnos.

Os obradoiros duais tiveron lugar en Muros, compartido con Carnota, Ribeira, compartido con Porto do Son, Outes, compartido con Noia e Lousame e Rianxo. Pola súa banda, os obradoiros do Sistema de Garantía Xuvenil, realizáronse en Boiro e Rianxo.

Estes obradoiros permitiron que un total de 108 persoas desempregadas se formasen nun oficio mentres realizaron tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais foi de 9 meses e os de Garantía Xuvenil de 6 meses.