Martes 17 de Setembro de 2019

Inés Rey: “ábrese unha etapa de esperanza e tranquilidade para todos os traballadores e traballadoras de Alcoa”


 

A alcaldesa, Inés Rey, espera que a nova propietaria da factoría da Grela manteña o seu compromiso máis aló dos dous anos acordados na venda

A Coruña, 31 de xullo de 2019.- A alcaldesa, Inés Rey, mantivo esta mañá conversacións con responsables do Executivo de Pedro Sánchez, quenes lle reafirmaron o compromiso do Goberno de sacar adiante canto antes o estatuto electrointensivo que garanta os postos de traballo na factoría da Grela máis aló dos dous anos fixados na venda con Parter. Un estatuto que fixará un prezo alcanzable e estable da enerxía eléctrica para
que os custos non sexan tan elevados e que dará seguridade ao sector.

Inés Rey manifestou que “se abre agora unha etapa de esperanza e tranquilizadora para
todos os traballadores e traballadoras de Alcoa”. O Goberno de Pedro Sánchez, dixo Rey, cumpre así “o seu compromiso coa cidade e a súa industria”.

Inés Rey espera que a nova propietaria da fábrica manteña o seu compromiso de carga de traballo máis aló dos dous anos garantidos no documento da venda. O goberno local quere, dixo, “un proxecto a longo prazo” que asegure o porvir do sector industrial na cidade. “A partir de agora estaremos moi pendentes do futuro da planta e de que se aprobe o estatuto
electrointensivo”, apuntou.

A alcaldesa mostrou a súa gran satisfacción polo mantemento da actividade na factoría, vital, sinalou, no desenvolvemento industrial da cidade, e felicitou a todas as partes implicadas na venda da planta tras nove meses de duras negociacións.