Martes 17 de Setembro de 2019

O Concello pretende potenciar o Festival Noroeste Estrella Galicia


 

A alcaldesa destacou o carácter ecléctico dunha cita que desde o Goberno local queren consolidar polo seu valor turístico e cosmopolita

A alcaldesa Inés Rey e a concelleira de Festas, Diana Cabanas, presentaron esta mañá o Mercado da Colleita dentro do 33º Festival Noroeste Estrella Galicia xunto co director corporativo de Hijos de Rivera, Antonio Viejo, e o director do IMCE, Javier Rodríguez, unha romaría popular que tomará o parque do Paseo das Pontes o sábado 10 e o domingo 11 e na que haberá unha variada oferta de actividades con música indie en directo.

A rexedora asegurou que o Festival Noroeste Estrella Galicia “seguirá sendo unha das apostas do Goberno local” polo potencial que ten para dinamizar o turismo e a súa natureza dinámica e cosmopolita. No que respecta ao Mercado da Colleita, destacou a beleza do espazo para dar cabida a toda unha serie de propostas musicais distintas e remarcou o carácter ecléctico dun festival que atenderá a todo tipo de públicos con 75 bandas e artistas en escena durante seis días nos que se poderá escoitar música de balde.

MERCADO DA COLLEITA

Promovido por Corporación Hijos de Rivera, o Paseo das Pontes será tamén un escaparate para distintos produtores do país como Maeloc, Orballo, Bico de Xeado, Fogar do Santiso, Kalekoi, Calabizo ou Galo Celta, entre outros.

O mercado, que naceu coa idea de traballar polo desenvolvemento socioeconómico de Galicia e a sustentabilidade do medio rural, marcará a festa de clausura do Noroeste nunha xornada dominical que vai en sintonía á filosofía do festival de programar para todos os públicos e a diferentes horas do día.

Ao longo dos dous días, tocarán artistas galegos consolidados como é o caso de

Pablo Lesuit, Silvia Penide, Os Amigos dos Músicos e Ñaco Goñi + Marian Ledesma

& Tinaquero Brothers. A nivel estatal, estarán Los Punsetes, Anni B Sweet, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba e Joe Crepúsculo e dentro da escena internacional contemporánea actuará Bart Davenport.

Por outra parte, poderase desfrutar da proposta “DJ Inclusivo” da Asociación Cultural Negus, dentro do programa de Cultura Inclusiva da Fundación Emalcsa. O proxecto está protagonizado por persoas con discapacidade intelectual, física, en risco de exclusión social e colectivos de inmigrantes, que aprenderon en talleres nocións musicais que poñerán en práctica sobre a herba, unha iniciativa que fai que a música sexa canle de comunicación e ferramenta para derrubar prexuízos.