Domingo 15 de Decembro de 2019

O XIX Festival Manicómicos incorpora a danza nun programa que ofrecerá dez espectáculos desde mañá ata o domingo


A concelleira de Festas, Diana Cabanas, apostará por darlles cobertura ás formacións de teatro locais, tanto as que gozan de recoñecemento como as que comezan a súa andaina

O XIX Festival Manicómicos encherá desde mañá ata o domingo as rúas da cidade de clown e teatro xestual no que será un compendio de disciplinas en xogo con dez espectáculos de diferente índole, segundo explicou o codirector Carlos Sante, da Asociación Manicómicos, que presentou a iniciativa xunto con Marta Iglesias e Malala Ricoy, as outras dúas corresponsables. A concelleira de Festas, Diana Cabanas, amosou a súa satisfacción por incluír unha cita de gran tradición na Coruña e destacou que ía na liña de apostar polas formacións locais, as que xa gozan dun recoñecemento de anos e mais as que comezan a súa andaina: “Temos que apoiar o traballo dos grupos de teatro que fan un gran labor divulgativo e didáctico”.

Como novidades, esta entrega incluirá por primeira vez a danza coa compañía Mar Gómez e o espectáculo Slapstick, que estrearán o venres, ás 12.30 h, nos xardíns de Méndez Núñez. Por outra parte, os espectáculos están pensados para todos os públicos, agás Lubbert, que os cataláns Inda Pereda representarán mañá, ás 22.00 h, na explanada de bancos de Santa Margarida e que se recomenda para as persoas maiores de 16 anos. Da bagaxe de propostas artísticas do colectivo e da formación que ofrecen ao longo do ano, Sante sinalou que o colectivo conseguiu crear unha canteira de xente especializada no teatro físico e xestual, comedia, cabaré ou clown, xéneros que “seguimos reivindicando” e que non tiñan acubillo na cidade.

Na entrega deste ano dáse unha combinación de agrupacións catalás e do país. Da parte leste estará Kerol con Welcome to my head, circo contemporáneo, humor sen palabras, maxia e beatbox, todo xunto nunha proposta difícil de ver no Estado español, tal e como explicou Marta Iglesias.

Mar Gómez, ademais de Slapstick, virá con La vie en rose, unha homenaxe ao mundo do cine mudo. Cristina Solé converterase en empregada da limpeza en Wet floor e Los Barlou, formado por Dani ‘Patillas’, ‘Miner’ Montell e Jordi Juanet ‘Boni’, emulará a fastosidade das grandes producións en Set Up. En canto ás compañías galegas, Mere Clown presentará Aparvaolimpiadas no exterior da Casa das Ciencias e Sincronacidas abordará o mundo da fantasía en Oh, limpiadas!, co que gañaron o premio Fetén 2019. Por último, a propia Marta Iglesias, de Sempre Arriba, protagonizará C’est pas possible, unha creación en clave de clown con acrobacias aéreas.

A respecto dos escenarios, o Campo da Leña, a Casa das Ciencias, o Obelisco, Méndez Núñez e Santa Margarida serán os puntos de encontro co clown nos catro días de actuacións que rematarán coa tradicional gala o domingo, ás 19.00 h, no anfiteatro de Santa Margarida cos artistas de Manicómicos e CircoNove, de Santiago.