Martes 17 de Setembro de 2019

O Concello de Boqueixón abre o prazo de inscrición para as actividades físicas e deportivas de adultos


Ofértanse preto de 250 prazas para disciplinas como pilates, zumba, bailoterapia e ximnasia para maiores

O Concello de Boqueixón vén de abrir o prazo de inscrición para as actividades físicas e deportivas de adultos para o curso 2019-2020. Son preto de 250 as prazas que se ofertan en catro disciplinas: pilates, zumba, bailoterapia e ximnasia para maiores. As actividades impartiranse tanto no ximnasio municipal como en distintos locais sociais das parroquias de Ledesma, Lestedo, Camporrapado, Sergude e Lamas.

As diferentes clases estenderanse entre os meses de setembro de 2019 e xuño de 2020, agás no caso de ximnasia para maiores, que comezará en outubro. As prazas son limitadas e terán preferencia as persoas empadroadas en Boqueixón. Menores a partir dos 16 anos poderán participar nas actividades, sempre e cando se presente unha autorización.

As inscricións deberanse realizar remitindo a ficha de inscrición (dispoñible na web municipal www.boqueixon.com) a deportes@boqueixon.com ou presentándoa presencialmente no Departamento de Deportes. O pagamento das cotas realizarase con carácter bimestral mediante domiciliación bancaria.

Os prezos das actividades son de 15 € mensuais no caso de Pilates (iniciación e avanzado), zumba e ximnasia para maiores en Sergude, Lestedo, Ledesma e no Ximnasio Municipal. Bailoterapia e ximnasia para maiores en Lamas teñen un custo de 10 euros ao mes.

Para poñer en marcha calquera actividade requírese un grupo mínimo de 10 participantes. Do mesmo xeito, poderanse solicitar novos grupos de ximnasia de maiores noutras parroquias, sempre e cando se supere ese mínimo de 10 persoas asistentes.

Para máis información, a veciñanza deberá dirixirse ao Departamento de Deportes do Concello de Boqueixón a través do teléfono 636 731 721 ou do enderezo electrónico deportes@boqueixon.com.