Sábado 22 de Febreiro de 2020

O Concello finaliza as obras de construción de beirarrúas en Nostián


A Concellería de Urbanismo e Infraestruturas anunciou que as obras de mellora do acceso peonil ao núcleo de Nostián se atopan no seu tramo final. A actuación, demandada pola veciñanza da zona, consistiu na construción dunha nova beirarrúa pola marxe esquerda da estrada de Nostián nun tramo de 650 metros de lonxitude.

As obras forman parte dos traballos de mantemento que a concellería está realizando en distintos núcleos da cidade para garantir a accesibilidade de todas e todos os veciños, co fin de mellorar, deste xeito, a súa calidade de vida.

A construción de beirarrúas na estrada de Nostián inclúe obras de reurbanización, co canalización de pluviais cun colector de 400 mm de diámetro, coa correspondente execución de pozos, sumidoiros, canlóns e gabias drenantes onde for necesario. Finalmente, dispuxéronse tamén catro tubos de 110 mm de diámetro, coas súas correspondentes arquetas como canalización municipal, coa reposición dos puntos de luz afectados polos traballos e deixouse previsto que se podería ampliar a iluminación no tramo de actuación.

Na actualidade, sinalan desde Infraestruturas, están pendentes de finalizar os traballos do recheo do extradorso do muro de perpiaño executado ao final do tramo, nas proximidades do núcleo de Nostián, así como a sinalización correspondente (tanto vertical como horizontal) e remates menores.