Domingo 25 de Outubro de 2020

Moito ambiente na apertura da sexta edición da Feira do Polbo de Palmeira


A Sexta Festa do Polbo de Palmeira acaba de abrir as súas portas e son xa numerosos os comensais que se achegaron ata o recinto portuario da localidade para disfrutar do cefalópodo.

Arroupados polo soleado día, veciños e visitantes están a ocupar a carpa de 1.400 metros cadrados disposta para a ocasión coa fin de degustar este produto (prezo da ración: once euros) cociñado polo experto pulpeiro Manuel Veloso. Os asistentes teñen a oportunidade de probar tamén outras propostas culinarias, como churrasco, mexillóns ou empanada. Alí estaba o concelleiro Emilio Pérez pendente da evolución destes primeiros compases de celebración dun evento organizado polo Concello coa colaboración dos bares Baluarte, A de Alejandro e Manolo o do Café, así como da comisión de festas.

A xornada abriu con pasarrúas a cargo da charanga Os Atrevidos e do grupo de gaitas Xiada, en tanto que o grupo Liantes de Artes ofrece a sesión vermú.

Prestixiosa pregoeira
Ás 19.30 actuarán os grupos de gaitas Xalunde e Xiada e ás 20 horas a prestixiosa oncóloga e investigadora Manuela Gago Domínguez será a encargada de ofrecer o pregón. Pola noite, a partir das 22 horas, o grupo Rokolas dará un concerto.

Polo que respecta a mañá domingo, haberá un pasarrúas a cargo do grupo de gaitas O Rueiro. Ás 12 do mediodía, o grupo Versus dará unha sesión vermú mentres que ás 20 horas terá lugar unha exhibición de kárate-kempo polo Club Kempo Barbanza. Porá o broche final á festa o concerto de Pan de Leña (22h).