Martes 17 de Setembro de 2019

González Formoso e García Pose estudan vías para potenciar a Festa da Pataca de Coristanco


O presidente da Deputación mantivo o seu primeiro encontro oficial co novo alcalde de Coristanco, Juan García Pose

O alcalde e o presidente coinciden na necesidade de revitalizar a festa de exaltación do produto local por excelencia para facela «máis técnica, máis cultural e máis gastronómica»

O alcalde de Coristanco planea delegar na Deputación a xestión tributaria do municipio

González Formoso e García Pose estudan vías para potenciar a Festa da Pataca de Coristanco
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso recibiu hoxe no seu despacho da institución provincial ao novo alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, no que foi o primeiro encontro oficial entre ambos mandatarios tras as eleccións municipais de maio. García Pose acudiu á cita acompañando polo concelleiro do PSOE na localidade, José Manuel Pérez Abelenda.

O presidente provincial e o alcalde estudaron posibles vías de colaboración entre ambas as dúas institucións para «potenciar» e «revitalizar» a Festa da Pataca, que este ano alcanza a súa 39ª edición.

García Pose destacou a intención do goberno local de facer unha festa «máis técnica, máis cultural e máis gastronómica» e explicou que o seu goberno xa comezou os trámites para que sexa declarada Festa de Interese Turístico. Neste sentido, explicou que este ano o evento contará con xornadas técnicas na que participarán expertos franceses e españois para abordar cuestións coma novas técnicas de cultivo ou melloras no proceso de comercialización, así como sesións de showcooking e actividades culturais paralelas.

González Formoso valorou positivamente a intención do rexedor de potenciar a festa de exaltación do produto local por excelencia de Coristanco e ofreceu a colaboración da Deputación, a través das distintas liñas de subvencións da institución provincial.

Delegar a xestión tributaria

García Pose trasladou tamén a González Formoso a intención do goberno municipal de delegar na Deputación a xestión de distintas taxas e tributos locais no organismo provincial co obxecto de mellorar a recadación.

González Formoso informou ao alcalde do funcionamento do servizo, que a Deputación presta á maior parte dos concellos da provincia, e de que o goberno provincial incrementou nos últimos anos do 90 ao 98% o adianto a conta dos fondos que reciben os concellos de xeito anticipado en función dos ingresos previstos, facilitando unha maior liquidez para que os concellos poidan cumprir coas súas obrigas financeiras e mellorar a prestación de servizos públicos.