Martes 17 de Setembro de 2019

Catorce mozos e mozas do Val do Ulla completarán a súa formación con prácticas en Malta, Irlanda e Italia


 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, reuniuse esta mañá cos participantes de Galeuropa no Concello de Boqueixón

Catorce mozos e mozas dos municipios da agrupación do Val do Ulla (Boqueixón, Touro, Vedra e Vila de Cruces) efectuarán prácticas non laborais en Malta, Irlanda e Italia para completar a súa formación. Esta mañá reuníronse na Casa do Concello de Boqueixón coa directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, nun acto no que, entre outros, tamén participou o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín.

A solicitude presentada para o programa Galeuropa presentada en conxunto polos catro Concellos recibe unha financiación de 105.000 euros por parte da Consellería de Política Social. A iniciativa permite que durante tres meses os catorce mozos e mozas desenvolvan prácticas non laborais en entidades e empresas públicas ou privadas. Oito irán a Malta, tres a Irlanda e outros tres a Italia.

A directora xeral destacou a importancia desta experiencia para ampliar os seus coñecementos, aprender o idioma do país de destino e mellorar así as oportunidades laborais cando regresen a Galicia. De feito, os datos de anteriores edicións de Galeuropa revelan que antes de iniciar as prácticas o 70% dos participantes estaban no paro e ao rematalas ese rexistro baixaba ata o 23%, é dicir, 47 puntos menos.

383 estadías en toda Galicia
A través de Galeuropa, que conta con financiamento da Iniciativa de Emprego Xuvenil e do Fondo Social Europeo, a Xunta subvenciona en toda Galicia 383 estadías no estranxeiro de mozos e mozas de entre 18 e 29 anos de idade inscritos no ficheiro nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da comunidade. A contía global das achegas ascende a uns dous millóns de euros, repartidos entre axudas individuais, para Concellos e para entidades.

As prácticas desenvólvense en calquera país da Unión Europea, incluído o Reino Unido. A convocatoria anticipa o 80% da axuda antes de iniciar as prácticas, para que unha posible falta de liquidez non sexa un impedimento para participar na experiencia.