Luns 09 de Decembro de 2019

O Concello de Brión está a mellorar o firme de tres estradas de titularidade municipal nas parroquias de Ons, Viceso e Cornanda


 

As obras supoñen un investimento de máis de 445.000 euros de fondos propios e complementan as tres estradas reparadas en Bastavales, Os Ánxeles e San Salvador no mes de xullo

O Concello de Brión está a mellorar estes días o firme de tres camiños de titularidade municipal nas parroquias da parte alta do municipio: Ons, Viceso e Cornanda. Unha actuación incluída nun proxecto de asfaltado de seis estradas municipais adxudicado á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones SA por 445.241,66 euros e que xa permitiu o arranxo de tres viarios nas parroquias de Bastavales, Os Ánxeles e San Salvador o pasado mes de xullo.

Esta semana deu comezo a actuación máis importante do proxecto, na parroquia de Viceso, concretamente no camiño que une as localidades de Mourentáns e Pousada de Abaixo, pasando por Forxán. Unha estrada de algo máis de 4 quilómetros de longo por 5,5 metros de ancho onde se colocará unha nova capa de rodadura de 5 centímetros de mestura bituminosa, previa reparación de fochancas e posterior limpeza de gabias. Unhas obras que estarán rematadas a finais de semana.

Durante a semana pasada colocouse a nova capa de rodadura nos 1,5 km do camiño de Ons a Salaño Grande e para a próxima semana está previsto acometer a mellora dos 2,3 quilómetros do camiño de A Igrexa a Vioxo, por Tourís, onde xa se deixaron perfiladas as cunetas. Unha vez rematado o asfaltado, reporase a sinalización horizontal e vertical.

O alcalde de Brión, José Luís García, explica que “estamos ante o maior investimento na mellora de estradas que se ten realizado en Brión con fondos propios” e adianta que “a nosa intención é seguir facendo actuacións semellantes nos próximos anos, xa que a boa xestión económica realizada en Brión así o permite”.

En total, este ano o Concello de Brión arranxará 12,39 quilómetros de seis vías municipais, o que supón unha actuación sobre 65.229 m2. Durante o pasado mes de xullo xa tivo lugar o asfaltado do camiño de San Salvador ata o límite municipal con Ames, polo Outeiro (de 2,6 quilómetros de longo por 5 de ancho); os 1.945 metros da estrada entre Bemil a Soutullos, por Bastavaliños (onde se aproveitaron os traballos para recuperarase a sección hidráulica dende a Igrexa de Soutullos e se reordenou a zona de aparcamento na contorna da igrexa); e un pequeno arranxo no entronque da rúa Fonte coa Avenida dos Ánxeles (AC-300).