Mércores 16 de Outubro de 2019

O Concello de Noia dota dun novo alumeado LED ás aulas do Conservatorio Municipal “Felipe Paz Carbajal”


A concelleira de Ensino, Mariola López Cierto, vén de reunirse co director do Conservatorio Municipal “Felipe Paz Carbajal”, Dalibor Sebestik, para comprobar as melloras realizadas no centro durante o período estival e analizar as necesidades do inmoble de cara a futuras actuacións. Así, durante este verán, o Concello de Noia procedeu á substitución de todas as luminarias interiores do centro por un novo alumeado LED, moito máis eficiente.

López Cierto explica que “este cambio do alumeado permitirá un importante aforro enerxético e a redución da emisión de CO2 á atmosfera, pero tamén suporá unha mellora considerable para os alumnos e alumnas do conservatorio, que de seguro notarán o cambio durante as súas clases”.

Así mesmo, Dalibor Sebestik aproveitou para solicitar algunhas melloras puntuais nas instalacións (como a substitución dunhas portas, o pintado de algunhas zonas ou a achega de mobiliario novo), así como a insonorización dunha aula, a substitución dun tellado interior e a dotación dunha rede wifi no centro. López Cierto coincidiu na necesidade destas actuacións e anunciou que “iremos acometendo estas melloras pouco a pouco ao longo do ano”.

Durante o curso 2018-2019, o Concello de Noia dotou ao Conservatorio Municipal “Felipe Paz Carbajal” do seu primeiro piano de cola, un Shulze Pollmann, e dun piano Kawai RB22, que se sumaron aos tres pianos Yamaha dos que dispoñía o centro froito dunha cesión da Fundación Otilia Millares Vázquez. Así mesmo, o Concello de Noia investiu máis de 50.000 euros en dotar ao conservatorio dunha caldeira de biomasa, un sistema de calefacción máis ecolóxico pois emprega como fonte de enerxía combustibles naturais para xerar calefacción e auga quente.

Matrícula

Por outra banda, o Conservatorio Municipal “Felipe Paz Carbajal” ten aberto ata o vindeiro venres 6 de setembro a matrícula para as probas de acceso de setembro ao centro. A matrícula poderá formalizarse nas oficinas de recadación do Concello de Noia. As probas de acceso terán lugar o vindeiro mércores 11 de setembro, ás 17:00 horas.