Mércores 16 de Outubro de 2019

O GAEM de Riveira retirou dende a metade xe xullo 103 niños de avespa velutina


 

Concluído o mes de agosto, o Grupo de Apoio e Emerxencias Municipal (GAEM) dispúxose a facer reconto dos niños de avespa velutina retirados no termo municipal no transcurso deste verán e moi especialmente no último mes e medio posto que, a diferenza do ano pasado no que a presenza deste insecto comezou a sentirse en torno ao mes de abril, non foi ata a metade de xullo cando aflorou esta especie invasora e se concentraron as intervencións para erradicala.

Así, ascenderon a 103 os niños retirados no municipio entre o 16 de xullo e o 31 de agosto. Cuns corenta niños, Santa Uxía focalizou a parte máis importante dos traballos e, dentro do ámbito rural, Carreira foi parroquia na que máis intervencións houbo seguida de Aguiño, Palmeira e Olveira. Corrubedo foi a área na que menos se incidiu ao ser tamén a que reúne menos zona arborada.

Trampeos
Como novidade para combater esta especie, o GAEM actuou preventivamente colocando trampas naqueles puntos do municipio no que máis se detectou a presenza de velutinas no 2018.

O feito de que a aparición de niños se concentrase en tan curto espazo de tempo obrigou a un maior esforzo por parte de efectivos do GAEM, con xornadas de ata seis niños diarios retirados, o que se suma ao resto de funcións que realizan no Concello. Esta carga de traballo provocou ocasións puntuais nas que dende que recibiron o aviso ata a intervención tivesen que transcorrer tres ou catro días, un fenómeno que nestes momentos xa está subsanado.