Mércores 16 de Outubro de 2019

Rey destaca o éxito de asistencia e de investigacións que se analizarán no EUSIPCO 2019


A alcaldesa inaugurou esta mañá a European Signal Processing Conference, cunha intervención na que remarcou a cantidade de traballos, ao redor de 500, sobre os que debatirán as e os participantes nunha cita, na que se poñerán sobre a mesa as últimas innovacións no procesamento de sinais

A alcaldesa Inés Rey inaugurou esta mañá a vixésimo sétima European Signal Processing Conference, dentro do congreso EUSIPCO 2019 (Congreso Europeo de Procesamento de Sinal), no que participarán ata o 6 de setembro en Palexco preto de 800 persoas, entre enxeñeiras e enxeñeiros de telecomunicacións, de informática e matemáticas e matemáticos, procedentes de ata 52 países. A rexedora destacou os máis de 800 artigos sobre procesamento de sinais que se presentaron, dos que se analizarán neste encontro sobre 500: “Este é un gran éxito para as organizadoras e os organizadores e para a súa disciplina académica en xeral”. Rey convidou os asistentes a coñecer os encantos dunha cidade que acollerá no Aquarium Finisterrae outra das conferencias e que ten un símbolo como é a Torre de Hércules, que está declarado Patrimonio da Humanidade desde hai dez anos.

Por iso, animou a que saíran a pasear pola Coruña para desfrutaren da súa riqueza culinaria e monumentos. No congreso, as e os asistentes debatirán sobre o groso dos traballos e poñerán sobre a mesa as últimas innovacións nesta materia. No acto inaugural, tamén acudiu a conselleira de Educación da Xunta de Galicia, Carmen María Pomar, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e os copresidentes do comité organizador, os profesores Luis Castedo (UDC) e Mónica Bugallo (Stony

Brook University, New York, USA), así como o presidente de EURASIP (European Association for Signal Processing), a sociedade que promove estes encontros, Patrick Naylor.