Martes 17 de Setembro de 2019

A Xunta inviste máis de 93.000€ na reposición da rodadura nas avenidas Gonzalo Navarro e Bernardo Romero no polígono Río do Pozo


Estas axudas da Xunta apostan por fortalecer o tecido empresarial, mellorar as infraestruturas da Comunidade e fomentar o emprendemento industrial

O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste máis de 93.000 euros para levar a cabo a reposición da rodadura nas Avenidas Gonzalo Navarro e Bernardo Romero.

Este parque conta cunha superficie de 2.370.000 metros cadrados, con 413 parcelas e un total de 175 empresas.

Ovidio Rodeiro recalcou que “esta actuación, que financia a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración co Concello de Narón, consistirá no fresado mecánico ata unha profundidade máxima de 4 cm nos bordos das actuacións e nos encontros frontais cun ancho dun metro”. Posteriormente levarase a cabo a imprimación dunha capa de rodadura nova con aglomerado. A obra completarase coa sinalización horizontal necesaria tanto de liñas coma de símbolos e cebreados, así como a colocación de rexistros e sumidoiros.

Ovidio Rodeiro sinalou que con esta orde de axudas “a Xunta de Galicia aposta polo desenvolvemento industrial de Galicia, por iso a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a facer un importante esforzo orzamentario para incrementar a dotación do programa de apoio aos parques empresariais”.

O representante do goberno autonómico destacou que “con esta iniciativa a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o co desenvolvemento das súas infraestruturas, fortalecendo o tecido empresarial e industrial da Comunidade e apoiando ao emprendemento, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia”.

A maioría dos proxectos van orientados a mellorar as infraestruturas viarias dos polígonos e para a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, aínda que tamén para plantas de depuración de auga, xestión de residuos ou instalacións contraincendios. En total, na provincia da Coruña invístense 1,5 millóns para financiar 21 proxectos en 19 concellos.

Deja un comentario