Martes 17 de Setembro de 2019

A capela da Virxe de Lourdes de Lestedo recibirá a visita das reliquias de Santa Bernardita o sábado 14 de setembro


Os actos relixiosos culminarán co descubrimento dunha placa conmemorativa da xornada, na que colaboran o Concello e as diversas asociacións da parroquia

A capela da Virxe de Lourdes de Lestedo, en Boqueixón, recibirá o sábado 14 de setembro a visita das reliquias de Santa Bernardita no percorrido que ata o vindeiro Nadal efectúa por distintos puntos de España dentro dun periplo por varios países europeos. A parroquia prepara un completo programa de actos para o recibimento, no que colabora o Concello de Boqueixón e as diversas asociacións da zona.

O recibimento terá lugar ás 16:30 horas ante o cruceiro situado fronte á capela. Para darlle a benvida ás reliquias lanzarase unha batería de foguetes, repicarán as campás e actuará a Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla. De seguido, as reliquias serán trasladadas ata unha carpa instalada fronte á capela.

O comezo da cerimonia relixiosa está previsto para as 16:45 horas. Consistirá nunha evocación da vida de Santa Bernardita, á que seguirá a lectura dun fragmento do Evanxeo, unha plática, unha recitación de poemas por parte de nenos e nenas da zona, a exposición do Santísimo Sacramento e a beizón a cada persoa enferma que se atope presente e así o solicite.

Ás 17:20 horas a reliquia de Santa Bernardita ingresará na capela, abrindo un tempo para que as persoas que o desexen poidan entrar a rezar ante ela. Nese momento, no interior da capela rezarase o rosario e fóra a banda de música ofrecerá un concerto.

A despedida das reliquias está programada para as 18:15 horas e pouco despois, ás 18:30 horas, descubrirase unha placa conmemorativa da xornada.

Colaboración
Nos actos da visita colaboran todas as asociacións da parroquia de Lestedo, é dicir, a asociación veciñal, a comisión de festas e a asociación de mulleres rurais, que se encarga da ornamentación floral da capela e da carpa.

Do mesmo xeito, participarán os coros parroquiais de Lestedo, San Xián de Sales, Sergude, Vilanova e Ponte Ulla, dirixidos todos por Víctor Pereiras. Os poemas que se recitarán están compostos por persoas da zona e estes días as catequistas dirixen o seu ensaio.

Santa Bernardita
Santa Bernardita naceu en Lourdes en 1844. Era filla dun muiñeiro que caeu na ruína. De nena padeceu unha peste e para curarlle as chagas fregáronllas de xeito moi doroso. Quedoulle unha doenza asmática para toda a vida, ao que máis tarde se engadiría unha tuberculose ósea que lle afectaría sobre todo ás pernas.

Segundo os seus haxiógrafos, desde o 11 de febreiro ata o 16 de xullo de 1858 viu a Virxe en dezaoito ocasións na gruta de Massabielle. En 1866 ingresaría como monxa no convento de San Gildard de Nevers. Faleceu en 1879 con 35 anos de idade. Pío XI canonizouna o 8 de decembro de 1933. O seu corpo consérvase incorrupto nunha urna de cristal no convento de Nevers.

Este ano o santuario de Lourdes decidiu que unha parte do corpo de Santa Bernardita percorra Europa. Lestedo é unha das paradas desta iniciativa porque a parroquia conta cunha capela dedicada á Virxe de Lourdes desde 1883. Aínda que a festa de Lourdes é o 11 de febreiro, nesta parroquia a celebración é o segundo domingo de setembro e está precedida dunha novena á que acoden numerosas persoas devotas.

Deja un comentario