Domingo 15 de Decembro de 2019

A Romaría da Nosa Señora das Virtudes reunirá a milleiros de persoas mañá sábado en Vitre (Frades)


As celebracións comezan hoxe venres, ás 22:00 h, coa procesión do Rosario, entre a igrexa de San Juan de Vitre e a Capela das Virtudes

Todo listo na parroquia de Vitre (Frades) para acoller a milleiros de romeiros chegados de toda a xeografía galega para participar na Romaría de Campo na honra á Nosa Señora das Virtudes, que terá lugar mañá sábado 7 de setembro e coa que colabora o Concello de Frades.

A Romaría das Virtudes é unha festa de forte arraigo na zona e á que acoden numerosas familias, peñas e grupos de amigos para xantar nos terreos da contorna da capela, un xantar que traen da casa ou mesmo preparan no campo. A comisión de festas xa ten reservadas de hai tempo todas as mesas e barbacoas, pero aínda quedan parcelas dispoñibles. Para os que non traian o xantar da casa, haberá pulpería no campo da festa.

A parte relixiosa da festa comezará hoxe venres 6 de setembro, ás 22:00 horas, coa tradicional Procesión do Rosario, con saída da igrexa de San Juan de Vitre e ata a Capela das Virtudes, onde terá lugar unha misa. O sábado 7 de setembro haberá misas ás 11:00 e ás 12:00 horas, estando programada a misa solemne para as 13:00 horas. Ao seu remate, terá lugar a procesión coa imaxe da santa desde a capela ata o cruceiro, atravesando todo o campo da festa. Un momento no que os romeiros se turnarán tanto para levar a santa ás costas como para pasar por debaixo da figura.

A música correrá a cargo da Charanga Os Celtas, que actuará durante a mañá e a tarde. A sesión vermú virá da man da Orquestra Foliada, que compartirá a verbena nocturna co Dúo Calú. Esta sesión nocturna atrae a centos de persoas de toda a contorna, que se suman aos milleiros que xa pasan alí toda a xornada, prolongando desta maneira a romaría ata a madrugada.