Sábado 07 de Decembro de 2019

A Romaría das Virtudes reúne a milleiros de persoas de toda a provincia en Vitre (Frades)


 

Varios mimlleiros de persoas de toda a provincia participaron hoxe sábado na tradicional Romaría das Virtudes, que se celebra na parroquia de Vitre (Frades). O tempo acompañou, se ben a afluencia de xente era menor có ano pasado, especialmente no que atinxe a xente moza. A coincidencia este ano con festas de parroquias de municipios próximos e, principalmente, a celebración do Festival da Luz a apenas dez quilómetros restaron moita afluencia de grupos de mozos e mozas.

Aínda así, a Asociación San Xoán de Vitre cubriron todas as parcelas habilitadas para o xantar de familias, peñas e grupos de amigos. En total, preto de cincocentas, que xa estaban reservadas dende hai varios días. Uns xantares formados por grupos de entre dez e vinte persoas, se ben había algunhas que superaban o medio cento de comensais e mesmo algunha con alumeado e equipo de son.

Mantense o costume de pasar baixo a santa

As celebracións relixiosas comezaron na capela das Virtudes ás 11 e ás 12 da mañá, tendo lugar a misa solemne ás 13:00 horas. Unha misa que este ano se alongou ata case dúas horas e media, polo que a tradicional procesión da imaxe da Virxe e do San Xoán polo campo da festa, percorrendo o camiño entre a capela e o cruceiro, tamén atrasou a súa saída. Por terceiro ano seguido, máis dun cento de persoas pasaron por debaixo da imaxe da Virxe das Virtudes. Un costume iniciado hai uns anos por apenas unha ducia de persoas pero que cada ano vai aumentando o número de seguidores.

Un ano máis, a música correu da man da charanga Os Celtas, mentres que a Orquestra Foliada encargouse da sesión vermú. Pola tarde, Os Celtas volverán tocar; mentres que a Orquestra Foliada e o Dúo Calú encargaranse da verbena.