Sábado 07 de Decembro de 2019

A FAEPAC e mailo Concello de Moeche retoman a colaboración en materia de aforro enerxético


Valentín González e Beatriz Bascoy asinaron este luns un novo convenio anual entre as dúas entidades

 

A Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC) é un órgano dependente da Deputación da Coruña que ten entre os seus cometidos apoiar os concellos da provincia en todo o referido ao aproveitamento máis eficiente das enerxías, principalmente da eléctrica, así como darlles as claves para que poidan rebaixar a factura da luz nas súas instalacións. Alén desta función, que se traduce nun asesoramento especializado, a axencia tamén lles axuda a planificar infraestruturas máis aforradoras baseadas en fontes alternativas e está sempre ao tanto das convocatorias de subvencións que contribúan a facelas realidade. O Concello de Moeche asinara en 2017 un convenio de colaboración coa entidade que, este luns, volveu activarse por un período de polo menos un ano. Entre as accións que recolle o acordo -que supón achega económica por parte do consistorio duns 1.500€- está a de facer unha auditoría enerxética de todas as instalacións e dependencias municipais para ver onde se pode mellorar/aforrar.

Esta análise enerxética preliminar concíbese como un «escenario de partida para a definición dos campos de actuación prioritarios de acordo ao seu nivel de consumo, replicabilidade e transferencia de resultados, antigüidade do equipamento, posibilidade de diversificación enerxética…». É dicir, en primeiro lugar verase cal é a situación de Moeche en canto a equipamento e consumos, de cara a preparar un plan de acción co obxectivo de reducir custes e tamén emisións de efecto invernadoiro.

Unha das partes máis importantes do acordo consiste no seguimento e control dos consumos nas instalacións municipais, sexan de corrente ou de auga quente e calefacción, dado que nos concellos adoitan darse múltiples problemas relacionados con esta cuestión. Os máis habituais son os consumos enerxéticos que non se axeitan ás necesidades reais -case sempre por exceso-, a existencia de múltiples contratos de subministración que poderían estar unificados nun só, equipamentos pouco eficientes no aproveitamento da enerxía, descoñecemento das modalidades de contrato máis convenientes, dificultade para atopar pequenos ou grandes erros que poidan vir nos conceptos facturados, etc.

Neste sentido, a FAEPAC adquire o compromiso de informar sobre as modificacións lexislativas e tarifarias que lle afecten ás subministracións enerxéticas e, de ser o caso, das medidas máis axeitadas para reducir a súa incidencia. A axencia comprométese igualmente a formar o persoal municipal en calquera aspecto que lle permita «desempeñar unha posición activa na loita contra o impacto ambiental do uso da enerxía», ademais de colaborar «na redacción e implantación de ordenanzas municipais que fomenten o uso racional da enerxía ou da implantación de fontes de orixe renovable».

O acordo deixa fóra, iso si, a redacción de proxectos e pregos técnicos de obras, o deseño de planos e esquemas e «a realización de estudos ou cálculos xustificativos do cumprimento de prescricións regulamentarias das edificacións ou das instalacións», tal e como sinala o texto.

Pola súa banda, o Concello deberá achegar toda a información da que dispoña para facilitar o traballo de asesoramento, ademais de cofinanciar os custes do convenio cunha contribución de 1.519€ para o período dun ano, que poderá prorrogarse logo de mutuo acordo das partes. O convenio foi rubricado este luns na Coruña polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e por Beatriz Bascoy.