Martes 17 de Setembro de 2019

A Deputación considera clave traballar na promoción industrial e tecnolóxica da provincia


O deputado de Emprego e Transición Ecolóxica, José Ramón Riobóo, reuniuse hoxe con técnicos da Deputación e a Cámara de Comercio para estudar a viabilidade de desenvolver un programa de promoción industrial

O deputado responsable das áreas de Emprego,Transición Ecolóxica e Desenvolvemento Sostible, José Ramón Riobóo, participou esta mañá nunha reunión con técnicos da Deputación e a Cámara de Comercio da Coruña para estudar a viabilidade de desenvolver un Plan de promoción industrial no que participarían diversas institucións relevantes da comarca coruñesa, entre elas a propia Deputación.

Riobóo sostivo que «a aposta pola promoción industrial e tecnolóxica da provincia e a creación de emprego seguirán sendo dúas das claves estratéxicas» do goberno provincial de Valentín González Formoso durante o presente mandato e destacou a necesidade de «coordinar esforzos das institucións públicas e privadas» para reactivar un sector industrial que veu perdendo peso nos últimos anos como consecuencia da crise económica.

O Plan de promoción industrial da Coruña e a súa Área de Influencia parte, tal e como destaca a Cámara de Comercio, dunha profunda análise da economía coruñesa, que pon de manifesto a progresiva perda de peso do sector industrial na zona, fronte a un sector terciario que foi gañando protagonismo.

Neste sentido, aínda que é certo que un sector servizos forte constitúe unha importante fonte de emprego e riqueza, ademais dunha gran vantaxe competitiva, o estudo sinala que «hoxe en día está aceptado de maneira xeneralizada que a capacidade de crecemento económico non pode nin debe depender exclusivamente destas actividades cunha perspectiva a longo prazo, mentres que un sector industrial potente resulta unha peza clave para o desenvolvemento dunha economía moderna e para a xeración de emprego na Coruña e a súa área de influencia».

Deste xeito, o Plan de promoción industrial propón tres grandes obxectivos. Por unha banda, mellorar os factores básicos de localización industrial, que implica completar a dotación de infraestruturas básicas, garantir a conectividade interna e externa, mellorar a coordinación institucional en materia de planificación do territorio e minimizar os trámites administrativos á implantación de novos proxectos industriais.

Así mesmo, pretende unha mellora competitiva da industria local que garanta a súa supervivencia e localización na área metropolitana, o que pasa por adecuar a capacitación dos e das profesionais do sector aos novos requirimentos, fomentar a innovación, favorecer a diferenciación sectorial e a capacidade de achegar un maior valor engadido dentro das cadeas existentes, impulsar a internacionalización, intensificar a cooperación e adecuar a cultura empresarial.

O terceiro gran obxectivo pasa por conseguir un maior grao de proactividade na atracción de investimentos industriais para a área, sobre a base dunha estratexia de promoción coordinada, o impulso dunha dinámica activa de atracción de investimento e a proxección dunha imaxe conxunta da área metropolitana como potencial receptora de investimentos, unha tarefa na que se buscará a implicación de todos os axentes e entidades vinculadas á promoción industrial da área, así como a colaboración das empresas industriais tractoras máis importantes do territorio.

Deja un comentario