Venres 27 de Novembro de 2020

San Sadurniño abrirá o día 20 o prazo de preinscrición nas súas escolas culturais e deportivas


 

Pasado o verán e as vacacións, é tempo de volver á normalidade do día a día. A rapazada xa está desde hoxe na escola, repítense as rutinas semanais do traballo, as horas de luz cada vez son menos. O arranque adoita ser duro tralos sobresaltos estivais e incluso o ánimo se resinte. Por iso sempre é recomendable encarar o outono con boa disposición e novos retos. O Concello propón algúns relacionados coa cultura e o deporte que, de seguro, nos axudarán a afrontar esta etapa de todos os anos e a manternos entretidos durante os próximos meses. Vexamos cal é a oferta, na que hai unha interesantísima novidade.

Empezamos polas escolas deportivas de fútbol e volei, conveniadas co CF San Sadurniño e co CV Aldebarán respectivamente. A estas alturas a cativería xa está posta a andar en cada disciplina, pero se aínda quedase alguén por inscribirse debe saber que para apuntarse a fútbol cómpre contactar co Sansa no 618 527 359 e 669 638 282, mentres que para aprender voleibol debemos chamar aos teléfonos 636 728186 e 696 085 847 do Aldebarán.

Porén, para o resto das actividades será necesario facer antes a preinscrición chamando ao 981 490 027. O prazo abre o venres 20 de setembro e cómpre que se xunten un mínimo de 8 solicitudes para cada unha das escolas.

A de ximnasia de mantemento para maiores desenvolverase en dúas quendas pola semana, unha de 16 a 17.00h. e outra de 17.15 a 18.15h.: os luns primeiro en Naraío e logo en Lamas, os martes en San Sadurniño, os mércores en Naraío e Santa Mariña, os xoves en San Sadurniño e os venres en Santa Mariña a primeira hora e en Lamas durante a segunda. De existir demanda tamén se poría en marcha grupo na parroquia de Ferreira que, de momento, acudirán a Lamas.

No caso da música tradicional, as clases impartiranse no local social de Naraío cos mesmos horarios que o curso pasado. A iniciación á gaita será os martes de 19.30 a 21.00h. e o grupo de perfeccionamento reunirase de 21.00 a 22.30h. As sesións de canto e pandeireta seguen os mércores: de 18 a 19.00h. para a rapazada de 3 a 6 anos, de 19 a 20.00h. para perfeccionamento infantil e de 20 a 21.00h. o grupo de persoas adultas.

Unha vez que se confirmen os grupos poderase efectuar a matrícula a partir do día 3 de outubro na Casa da Cultura. Os prezos son os seguintes: 15,71€ de matrícula e 30,24€ de cota trimestral para maiores de 18 anos e menores de 65. As persoas menores de 18 anos, maiores de 65, pensionistas, estudantes, familias numerosas e titulares do Carné Xove terán que pagar 15,05 euros de matrícula e 20,17 cada trimestre.

Alén desta oferta tamén cómpre ter en conta a que teñen preparada pola súa conta entidades do territorio como a Asociación Cultural Brío, o Club Brío, o Club Biela e Chaveta ou as asociacións veciñais, publicada habitualmente nas súas redes sociais.

Por último, recordamos que tamén están en marcha as clases de Pilates que se ofrecen na Casa da Cultura todos os luns e mércores en dúas quendas: de 20 a 21.00h. e de 21 a 22.00h. Neste caso o Concello só ten un acordo de cesión do espazo, polo que as inscricións deben facerse contactando directamente coa monitora no 665 957 056.

Cantos de taberna e outro repertorio
A Concellaría de Cultura tamén quere probar este ano a ver se se logra formar un grupo estable de persoas de todas as idades para aprenderen a cantar dun xeito un tanto informal. O que se pretende é xuntarse, pasalo ben e preparar un repertorio no que entren todo tipo de cancións das que se botan habitualmente en festexadas, sobremesas, cando se anda de troula ou nos numerosos cantos de taberna que se organizan en toda a volta.

No Concello levaban tempo dándolle voltas a unha proposta deste tipo, na que agora se quere implicar ao maior número de xente posible, sempre que haxa interese suficiente. A idea é empezar o xoves 10 de outubro na Casa da Xuventude cun primeiro encontro entre as 20 e as 22.00h.

Para asistir hai que apuntarse antes chamando ao 981 490 027. De momento é só para saber canta xente estaría disposta a deixar a vergoña na porta e probar de balde durante aproximadamente un mes a ver se a cousa funciona. Non se necesitan coñecementos previos -anque non estean de máis- e nesa primeira xuntanza as persoas participantes xa poderán propoñer as cancións que lles gustaría cantar, sexan do tipo que sexan. Das clases encargarase -sempre que a idea vaia adiante- o músico Xoán Padín, membro do Coro Encaixe.