Martes 17 de Setembro de 2019

O Concello de Frades investirá máis de 100.000 euros na impermeabilización e mellora do vaso da piscina municipal


 

O Pleno aproba por unanimidade o expediente de distinción e honras a Manuel Cortiñas Pontón, mestre na parroquia de Gafoi entre os anos 50 e 70

O Pleno do Concello de Frades aprobou, cos votos a favor do PP e as abstencións do PSOE e do BNG, destinar os 320.000 euros do Plan Complementario da Deputación da Coruña ao arranxo do vaso da piscina municipal e a dous proxectos de arranxo de pistas municipais. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explicou que as obras na piscina “son moi necesarias porque hai fugas de auga e é necesario facer reparacións no vaso da piscina e unila coa zona da rejilla. Estase perdendo moita auga, uns 20.000 litros, e non podemos seguir así”.

Por iso, o proxecto elaborado polo Concello de Frades contempla a reparación e impermeabilización do vaso da piscina, así como a colocación de nova plaqueta na instalación e a renovación da maquinaria de depuración. “Esperemos que dea tempo a sacalo a concurso antes da nova campaña de verán”, apuntou Rey Martínez.

Os outros dous proxectos son para o arranxo de pistas. O primeiro suma 136.000 euros e inclúe o arranxo de 8 pistas municipais: camiño de Fontelo á igrexa (Aiazo), camiño As Corredoiras (Moar), camiño da Chousa a Reboredo (Galegos), camiño a Quintá (Papucín), camiño a San Paio (Añá), camiño a Receá (Ledoira), camiño ao Alto (Gafoi) e camiño a Galtar (Aiazo). En todos os casos trátase de obras de mellora da capa de rodaxe con tratamento asfáltico, previa reparación de fochancas, e de ancheamento das pistas.

O segundo proxecto, que conta cun presuposto de 82.000 euros, inclúe o arranxo do camiño da AC-524 a Fondevila e Cheda (Abellá), así como dos accesos en Fondevila e os accesos ao Canedo.

Manuel Cortiñas

Onde si houbo unanimidade foi na aprobación do expediente de distinción e honras a Manuel Cortiñas Pontón, nacido en Santiago pero que foi mestre durante máis de 25 anos na parroquia de Gafoi. Un expediente que foi instruído polo concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, a raíz da petición dun grupo de veciños e veciñas de Gafoi, encabezados por Antonio Espiñeira, que presentaron un escrito con corenta firmas de veciños e veciñas de Gafoi e de Ledoira para que o Concello de Frades lle faga un recoñecemento a Manuel Cortiñas Pontón, mestre da parroquia durante os anos 50, 60 e 70 do século pasado.

Manuel Ferreiro deu lectura a varios parágrafos do seu informe e asegurou que “como instrutor só podo concluír que don Manuel é merecedor desta homenaxe, sendo un exemplo de mestre e de boa persoa, unido á dedicación, profesionalidade e humildade no seu labor diario”. Así mesmo, agradeceu a colaboración dos seus ex alumnos/as, especialmente de Antonio Espiñeira, e o traballo de María Villasenín, traballadora social de Frades, polo seu labor de investigación para redacción do expediente.

Un informe que destaca de Manuel Cortiñas “a súa elevadísima preparación como mestre, o que fai que os resultados sexan moi bos; a súa humildade, o que fai que se relacione con toda a xente; o ser un adiantado ao seu tempo, facendo do bilingüismo o que ten que ser, unha riqueza e unha ferramenta para poder transmitir mellor os coñecementos; un amante da cultura e da tradición galega, algo que resaltan todos os seus alumnos”. Neste sentido, Manuel Ferreiro apunta que Cortiñas Ponton era “un home cunhas calidades humanas extraordinarias; o simple feito de que despois de 40 anos veñan os seus ex alumnos dende distintos puntos de Galicia a pedir que se lle faga unha homenaxe, fala ben ás claras da fonda pegada que supuxo nas súas vidas”.

Unha vez aprobado o expediente, o alcalde de Frades indicou que “agora veremos que tipo de homenaxe se lle fai e cando”, xa que orixinalmente a petición era a colocación dun monolito ou darlle o seu nome a unha rúa de Ponte Carreira. Unhas cuestións para as que o Concello de Frades tivo que modificar a súa ordenanza de distincións para albergar as devanditas posibilidades.

Festivos locais

Por outra banda, o Pleno municipal aprobou a proposta do Grupo de Goberno para que os festivos locais de 2020 sexan os tradicionais Martes de Entroido (25 de febreiro) e San Miguel (29 de setembro). Unha proposta que foi aprobada cos votos a favor do PP, a abstención do BNG e os votos en contra do PSOE, que presentou a súa propia proposta na que cambiaba o tradicional San Miguel polo 22 de xullo, día da Madalena. Unha proposta que foi rexeitada cos votos do PP, a abstención do BNG e os votos a favor do PSOE. O alcalde de Frades explicou que, ademais de que a Madalena non ten unha tradición como festivo en Frades máis aló da etapa preconstitucional, “intentamos tamén que os festivos non coincidan coas vacacións escolares, para que os nenos e nenas poidan tamén desfrutalos”.

Finalmente, o pleno refrendou varias actuacións municipais como os proxectos de aforro enerxético, que permitirán investir 212.000 euros na renovación do alumeado municipal nas parroquias de Mesos, Abellá, Frades, Vitre, Papucín, Moar e Gafoi, onde se cambiarán as lámpadas de vapor de sodio por alumeado LED. O alcalde de Frades explicou que “se faltan algunhas zonas é porque xa se actuou anteriormente nelas, ben con tecnoloxía LED, ben con outra”. Así mesmo, convalidouse a solicitude da segunda edición do obradoiro de emprego “Brañas do Illó-Río Samo II”, canda os concellos de Frades, Mesía e Ordes; e un convenio co Concello de Mesía para a mellora, mantemento e protección do medio ambiente, para o que contan cunha subvención de 69.000 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental.

Deja un comentario