Mércores 11 de Decembro de 2019

A Xunta destina máis de 1,9m€ en axudas para a limpeza e mellora das superficies forestais da comarca do Barbanza


Ovidio Rodeiro visitou o concello de Muros que recibirá axudas para levar a cabo 10 actuacións que terán un custe de máis de 268.291 euros
O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá, acompañado pola alcaldesa de Muros, María Inés Monteagudo, visitaron algunhas das zonas nas que a Consellería do Medio Rural levará a cabo accións silvícolas de limpeza para a prevención de incendios forestais. Concretamente, segundo informou o representante do goberno autonómico “este concello recibe máis de 268.291 euros para levar a cabo 20 actuacións ao abeiro das obras e das 3 liñas de axuda coas que conta a Xunta para acadar un monte limpo, multifuncional, seguro e sustentable económica, social e mediambientalmente”. Estas actuacións están co-financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Ovidio Rodeiro aproveitou a visita para facer balance das achegas que a Consellería do Medio Rural destina á comarca do Barbanza para a limpeza e mellora das superficies forestais, esta comarca recibirá máis de 1,9M€. En primeiro lugar explicou as actuacións máis importantes que deixarán nesta área do Barbanza máis de 1,6 millóns euros en 22 obras coas que se levarán a cabo tratamentos silvícolas, mellora de infraestruturas e repoboación de montes. Ademais, estas obras inclúen a mellora de pistas, rozas e creación e acondicionamento de devasas nos concellos de Porto do Son, Boiro, Rianxo, Lousame, Noia, Muros, Serra de Outes, Carnota, Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Mazaricos.

Nas liñas de axudas se referiu ás destinadas a accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios e para o incremento da capacidade de adaptación e valor ambiental dos montes. Nesta comarca esta orde contempla 12 actuacións en Rianxo, Lousame, Porto do Son, Ribeira e Muros grazas a un investimento de máis de 172.000 euros.

A Consellería do Medio Rural tamén financiará a creación de superficies forestais para a plantación de árbores coníferas e frondosas . Nos concellos de Lousame e Rianxo terán achegas por máis de 18.000 euros para levar a cabo dúas plantacións deste tipo.

Ovidio Rodeiro valorou tamén as axudas destinadas ás comunidades de montes e sociedades de fomento forestal (Sofor) para actuacións de prevención de incendios incluíndo rozas e construción de puntos de auga. Nesta área recibirán estas subvencións as comunidades de montes en man común de Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, A Pobra, Porto do Son, Rianxo e Ribeira. En total, estanse levando a cabo 27 actuacións, cun orzamento de máis de 189.000 euros, que teñen como obxectivo previr os danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais.

Ovidio Rodeiro destacou que “estas axudas teñen como obxectivo previr os danos causados aos bosques polos incendios, desastres naturais e incrementar a capacidade de adaptación e de valor ambiental dos ecosistemas forestais”.