Mércores 01 de Abril de 2020

O Teatro Colón acollerá a estrea da adaptación teatral de Fariña


 

A alcaldesa Inés Rey e Jesús Celemín, concelleiro de Cultura, asistiron a presentación da adaptación teatral da obra de Nacho Carretero

Inés Rey asistiu esta mañá á presentación aos medios da peza teatral Fariña que se estreará o vindeiro 25 de outubro no Teatro
Colón e que xirará despois polos auditorios das principais cidades de Galicia.

A alcaldesa Inés Rey mostrou a súa satisfacción pola estrea na cidade dunha peza teatral que “pon o foco nunha lacra social, a droga, nunha xeración perdida e na loita dun grupo de nais e pais devastados pola perda dos seus fillos”.

O libro e agora a obra teatral, dixo, reflicten unha realidade, que deixou un regueiro de dor en Galicia e que dá luz sobre un dos momentos históricos máis duros e complexos, desde o punto de vista social, na nosa terra. Unha obra que, ademais,
tivo que lidar coa censura e a prohibición.

Fariña é un libro que botou luz sobre o tema da tolerancia social que existía sobre o narcotráfico e denunciou a amparo político que houbo neses anos”, sinalou a alcaldesa, ao tempo que felicitaba o autor, o elenco de actores e actrices, o director
e produtores por levar agora a obra aos escenarios.

O autor de Fariña, Nacho Carretero, e tamén produtor da obra cre que esta adaptación ao teatro achega “un punto de vista máis próximo, máis familiar” e que a súa intención e a do equipo é a de “facer cultura dun capítulo moi escuro da nosa
historia”.

A adaptación escrita por José Luis Prieto e dirixida por Tito Asorey conta cun elenco formado por Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro, María Vázquez, Sergio Zearreta e Cristina Iglesias.
O grupo Novedades Carmiña será o encargado de lle poñer voz á banda sonora da peza teatral cunha versión que xa se pode escoitar en Youtube.

As entradas para o espectáculo teatral de Fariña xa están á venda no despacho de billetes do Teatro Colón así como nas canles de venda habituais. Para máis información, pódese visitar a web www.teatrocolon.es.