Mércores 16 de Outubro de 2019

Corrubedo exhibe na súa Casa do Mar documentos, fotos, libros e obxectos que reflicten a historia do Cabo


A Casa do Mar de Corrubedo acolle durante os días de hoxe e mañá unha exposición histórica titulada “Corrubedo nos arquivos”.

Promovida pola Asociación XI Séculos coa colaboración do Concello e con Francisco Sánchez Fraga como comisario, esta mañá tivo lugar un acto inaugural que contou tamén coa participación da concelleira de Cultura María Sampedro e de Antonio Freire como presidente da citada entidade, así como a asistencia do cura párroco Gelasio López, da edil Ana Ruiz e de numerosos veciños.

En horarios de 11 a 14 e de 17 a 20 horas, pódese curiosear moi interesante documentación, como por exemplo o escrito procedente do arquivo diocesano que fai referencia á doazón en 1919 do coto do porto de Corrubedo por parte do rei Ordoño II aos monxes do mosteiro de San Paio de Antealtares; unha páxina do foro a Pedro Bolaño en 1621 do referido coto ou a anotación no rexistro do faro de Corrubedo en maio de 1895 do naufraxio do trasatlántico francés Dom Pedro (que ocasionou máis de 80 mortos), acompañado dunha fotografía deste vapor procedente da Biblioteca Nacional de Francia e dunha noticia da época.

O Debonair é outro naufraxio que ocupa un lugar singular e, neste senso, exhíbense dende a medalla concedida a título colectivo ao pobo pola Sociedade Española de Salvamento de Náufragos ata copias do expediente administrativo que desembocou nesta concesión, fotografías dos tripulantes do barco e do propio acto de entrega e mesmo a brúxula orixinal que ía neste iate de bandeira inglesa.

Unha recompilación de fotografías e datos pertencentes a corrubedáns que figuran no rexistro de emigrantes 1923-1939 que se custodia no Arquivo Histórico Municipal; catro instantáneas de mulleres do pobo sacadas polo estadounidense Michael Kuh, antigo veraneante nas décadas dos sesenta e setenta que traballaba para medios como National Geographic ou The New York Times; ou o expediente de solicitude dunha escola para o pósito de Corrubedo son outras referencias exhibidas, ao igual que unha escolma de libros sobre naufraxios e sobre o propio cabo.

Ademais, unha parte da exposición está dedicada a apeiros tradicionais de labranza e antigos utensilios de pesca que foron cedidos por moitos veciños para a mostra.