Mércores 16 de Outubro de 2019

Máis de 500 persoas achegáronse esta tarde a Lestedo para asistiren á visita das reliquias de Santa Bernardita


Descubriuse unha placa na entrada da capela da Virxe de Lourdes para conmemorar esta especial xornada

Máis de 500 persoas achegáronse esta tarde a Lestedo para asistiren á visita das reliquias de Santa Bernardita á Capela da Virxe de Lourdes. Veciñanza desta e doutras parroquias boqueixanesas e vedresas, así como diversas asociacións da zona e o Concello de Boqueixón colaboraron na organización desta especial xornada chea de devoción.

Os actos relixiosos comenzaron arredor das 17.00 horas co recibimento das reliquias de Santa Bernardita ante o cruceiro situado fronte á capela. Alí, o párroco de Lestedo, acompañado por un grupo de curas e dunha representación da veciñanza da parroquia participou na chegada dos restos da santa. Estes foron colocados nun estandarte que despois foi trasladado ata o altar creado para a ocasión -e que presidiu a cerimonia relixiosa- da man de distintos veciños e acompañados pola música da Banda de Santa Cruz de Ribadulla e polo repicar das campás da capela.

O párroco do lugar, José Sánchez Piso, presidiu a cerimonia, que foi cantada polas corais das parroquias boqueixanesas de Lestedo e Sergude e das vedresas de San Xián de Sales, Ponte Ulla e San Pedro de Vilanova. Todas as voces, baixo a coordinación de Víctor Pereira. Os oficios continuaron cunha lectura dun fragmento do Evanxeo, unha plática, unha recitación de poemas por parte de nenos e nenas da zona, a exposición do Santísimo Sacramento e unha beizón final polas persoas enfermas.

A continuación, as reliquias de Santa Bernardita trasladáronse ao interior da Capela da Virxe de Lourdes. Alí, numerosas persoas devotas achegáronse para rezar ante a santa.

A xornada finalizou co descubrimento dunha placa conmemorativa. Este acto estivo presidido polo alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín; polo delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, e polo propio párroco, José Sánchez Piso.