Mércores 16 de Outubro de 2019

O Aldebarán-Intasa seguirá coa súa posta a punto no XVII Trofeo Concello de San Sadurniño que se xoga este sábado


Acoden como convidados o Boiro e o Dumbría, compañeiros do Sansa no grupo A da SM2; e tamén o Emevé, único representante galego na Superliga Masculina

 

O Pavillón Municipal de San Sadurniño acollerá este sábado 21 de setembro durante practicamente toda a xornada a celebración do XVII Trofeo Concello de San Sadurniño, co que o equipo anfitrión, o Aldebarán-Intasa, continúa o seu calendario de pretemporada. Se durante o triangular disputado esta fin de semana os locais venceron sen problemas ao Calasancias e ao Bruxas de Ames -rivais no grupo A da SM2-, agora tocaralles medirse contra os outros dous galegos da competición: o Boiro e o Dumbría. Iso sempre e cando cadren os cruzamentos dun trofeo que se xogará como torneo cadrangular no que tamén entra o Arenal Emevé de Lugo, único representante do país na Superliga 2019/2020.

Do que se trata neste momento é de proseguir co engraxe dunha maquinaria que se estivo axustando nas últimas semanas con novas incorporacións e dándolle a alternativa á canteira. Nomes coma o de Boris Rodríguez, o caboverdiano Isaias Sanches, Samuel Tembrás, Jorge Lendoiro, Antonio Tacón, Diego Vázquez «Golas», Santi Díaz, Lucas Wüchmann ou Juan Jaraba que se incorporan ao primeiro equipo ex-novo, recuncando ou como continuación lóxica despois de pasar pola base.

A formación de Charly Suárez deixou esta fin de semana pasada unha boa impresión entre a afección, despois de impoñerse ao Calasancias e o Bruxas, dous dos cinco SM2 galegos esta temporada. Os outros dous son o Rotogal Boiro e o Voleibol Dumbría, que participarán no trofeo municipal do sábado ao que tamén asiste como convidado o Emevé.

O trofeo arrancará ás 10.30h. co partido entre os lugueses e o Boiro. Ás 12.30h. xogarán a segunda semifinal o Aldebarán e o Dumbría. O terceiro e cuarto posto disputaranse a partir das 16.30h. e a final comezará sobre as 18.30h. É imposible predicir como vai ser a cousa pero, malia estar abertas todas as posibilidades, a afección agarda que se dea un enfrontamento entre os da casa e mailo Emevé, vencedor no torneo do ano pasado.

A entrada no pavillón será gratuíta. Con todo, o Aldebarán-Intasa segue promocionando a súa campaña de abonos con interesantes descontos até o día 1 de outubro, xusto catro dias antes dun arranque ligueiro que os levará á cancha do Calasancias coruñés.

Abonos promocionais até o 1 de outubro Importe
Abono Xeral 40€ + bufanda de agasallo
Abono Xuvenil (-18 anos) 20€ + bufanda
Abono Club (pais/nais xogadores/as da base -2 persoas) 50€ + bufanda
Abono Familiar (2 persoas adultas + 2 menores) 60€ + bufanda

Despois do 1 de outubro estes prezos incrementaranse en 10€ -20 no caso do abono familiar- e non levarán asociado ningún agasallo. Os abonos poden solicitarse a través da páxina en Facebook do club, no correo aldebaranvoleibol@gmail.com ou chamando ao 699 553 975.