Mércores 16 de Outubro de 2019

Veña, bótate a cantar


O Concello de San Sadurniño promove un obradoiro para aprender cantos de taberna e todo tipo de pezas populares

¿Nunca che pasou iso de estar nalgún sitio onde alguén arranca a cantar e que ti só poidas mirar, escoitar e aplaudir por non saber as cancións? ¿Acaso non che gustaría participar tamén da festa? Pois iso ten remedio, abonda con xuntarse, aprender as pezas e practicar. Nin sequera fai falla ter unha voz prodixiosa, tampouco saber música nin ler partituras, chega con entoar minimamente e levar ben o ritmo, algo que aprenderemos nesta experiencia piloto co músico Xoán Padín para a que fai falla inscrición previa a través do 981 490 027. Empezamos o 10 de outubro á tardiña na Casa da Xuventude.

A Concellaría de Cultura levaba tempo dándolle voltas a esta iniciativa musical tan novidosa na que se quere implicar ao maior número de xente posible, sempre que haxa interese suficiente. Trátase de facer un grupo pequeno ou grande que se anime a cantar. Cantar calquera cousa: cancións tradicionais galegas, pachangadas, cantos de taberna…. O caso é xuntarse, pasalo ben e ir facendo un grupo que se defenda en calquera circunstancia cun repertorio común o máis amplo e variado posible.

A actividade proponse como unha «proba piloto», é dicir, ver canta xente habería interesada, probar uns días e, se funciona, prolongala ata final de curso como unha escola municipal máis, coa súa matrícula e o pagamento trimestral.

O primeiro encontro está previsto para o xoves 10 de outubro na Casa da Xuventude cunha sesión de presentación entre as 20 e as 22.00h. Falta case un mes, pero o prazo de inscrición xa está aberto a través do 981 490 027. Insistimos, de momento é só para saber canta xente estaría disposta a deixar a vergoña na porta e probar durante aproximadamente un mes a ver se a cousa funciona.

O docente será Xoán Padín. Profesor de pedagoxía, afeccionado ao teatro e ao debuxo, Padín está implicado en múltiples proxectos, entre eles os desenvolvidos polo colectivo O Aturuxo de Melpómene, ademais de ser membro do exitoso Coro Encaixe.

Para participar nesta idea non hai límite de idade, non se necesitan coñecementos previos -anque non estean de máis- e nesa primeira xuntanza do 10 de outubro xa poderás empezar a propoñer as cancións que che gustaría cantar. Que.. ¿anímaste?