Luns 16 de Decembro de 2019

O Concello de Lousame abre a inscrición nas escolas deportivas e nas actividades para adultos para o curso 2019-2020


 

As anotacións poden facerse na Oficina de Deportes ou no 981 825 780

A Concellería de Deportes do Concello de Lousame abre o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais para o curso 2019-2020, nas que oferta un total de sete modalidades deportivas: fútbol sala, voleibol, bádminton, tenis, tenis de mesa, psicomotricidade e predeporte.

O Concello de Lousame mantén o mesmo prezo que anos anteriores: 12 euros por cada curso escolar. As actividades darán comezo en outubro e terán lugar no CPI Cernadas de Castro, en horario de comedor.

Actividades deportivas

Así mesmo, o Concello de Lousame abre tamén o prazo de anotación nas actividades deportivas para adultos para o curso 2019/2020 e que se celebrarán no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra. Ademais do ximnasio municipal (aberto de luns a xoves, de 19:00 a 22:00 horas), a oferta deste novo curso inclúe ximnasia de mantemento e ximnasia para a terceira idade. As clases de ximnasia de mantemento comezarán o 2 de outubro e impartiranse os luns e mércores. Pola súa banda, as clases de ximnasia para maiores darán comezo o 22 de outubro.

Tanto no caso das escolas deportivas municipais como das actividades deportivas para adultos, as inscricións deberán formalizarse nas oficinas xerais do Concello de Lousame, presentando o formulario de inscrición xunto co recibo de pago. Máis información e inscricións na Oficina de Deportes do Concello de Lousame (981 82 57 80).