Luns 09 de Decembro de 2019

O Concello aposta pola educación como o mellor aliado para concienciar sobre a necesidade de coidar o medio ambiente


 

O edil de Cultura, Jesús Celemín, acudiu esta mañá á presentación da exposición “Un océano de arte” que o fotógrafo Cristóbal Serrano lle cedeu en exclusiva ao Festival Mar de Mares que se realiza estes días na cidade

O concelleiro de Cultura e Educación acudiu esta mañá á presentación da exposición «Un océano de arte», do prestixioso fotógrafo Cristóbal Serrano, que desde hoxe e ata o 20 de outubro poderá visitarse na Dársena da Mariña. A mostra foi inaugurada cunha visita guiada polas 20 imaxes inéditas sobre os océanos que o autor lle cedeu en exclusiva ao Festival Mar de Mares.
O acto, que contou coa presenza do fotógrafo e das codirectoras de Mar de Mares, Silvia Oviaño e Mercedes Carballo, serviulle ao concelleiro para insistir na idea de que a educación é “o mellor aliado na defensa do medio ambiente”. O Goberno local, asegurou o concelleiro, aposta pola educación “como motor de cambio, como eixe das políticas ambientais”.
É necesario, asegurou, impulsar unha educación ambiental que seduza a mocidade e lle ensine a coidar a “nosa casa” con pequenos e grandes xestos, e “os concellos temos moito que facer”, apostilou o edil, que resaltou a obriga dos gobernos de traballar desde o ámbito local “con políticas ambientais innovadoras que involucren a toda a cidadanía”.
No acto de presentación da mostra, e edil tamén valorou o labor da organización na posta en marcha dun programa de actividades deseñadas para poñer o foco na beleza dos océanos e, ao mesto tempo, comprometidas coa preservación do medio ambiente. “Mar de Mares é un espazo vivo onde se atopan a arte, a ciencia, a educación e o lecer cun único obxectivo: preservar os noso planeta”,

Durante o percorrido pola Dársena, o responsable de Educación manifestou a satisfacción de que A Coruña acolla a obra dun artista coma Cristóbal Serrano. A súa obra, dixo, resulta inspiradora polo modo que ten de plasmar nas súas fotografías a arte oculta na natureza, “de facernos ver o mar como un auténtico contedor de arte”. As súas imaxes, sinalou, permítennos mergullarnos na beleza da natureza e, ao mesmo tempo, transmítennos a necesidade de conservar o noso planeta.