Mércores 11 de Decembro de 2019

O Concello de Lousame organiza un obradoiro para que pais e nais aprendan a dar un bo uso dos videoxogos e de Internet ás súas crianzas


 

Terá lugar o martes 24 de setembro, ás 17:20 horas, no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro

O Concello de Lousame convoca o obradoiro familiar “A que xogas?”, dirixido ás familias e ao alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro. Unha sesión gratuíta que terá lugar nas instalacións do centro escolar lousamiá o vindeiro martes 24 de setembro, ás 17:20 horas.

A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, explica que “neste obradoiro trataremos de darlle ás familias as claves para facer un bo uso dos videoxogos e de Internet, así de como buscar un punto de entendemento entre pais/nais e fillos/fillas e achegarlles unha serie de recomendacións para o uso responsable do ocio das nosas crianzas”. Para participar só é preciso anotarse na Concellería de Igualdade de Lousame, chamar ao 981 820 494 ou enviar un WhatsApp ao 689 126 385 antes do luns 23 de setembro.

“A que xogas?” é un obradoiro organizado polo Concello de Lousame en colaboración co CPI Plurilingüe Cernadas de Castro dentro do “Programa de sensibilización en igualdade e prevención da violencia de xénero”, que conta co apoio da Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza; así como da Vicepresidencia do Goberno e Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.