Martes 10 de Decembro de 2019

O alumnado da Grande Obra de Atocha demanda melloras nun pleno infantil sobre mobilidade


Os estudantes do 5º curso de Educación Primaria realizaron unha actividade de educación viaria pola Semana Europea da Mobilidade

No marco do programa das actividades pola Semana Europea da Mobilidade, esta mañá celebrouse unha saída en bicicleta co alumnado de 5º de Educación Primaria do CPR La Grande Obra de Atocha. Un grupo de 90 nenas e nenos recibiu unha charla sobre educación viaria e mobilidade sustentable e fixo un percorrido ciclista desde o Campo da Leña polo Paseo Marítimo, no que circularon polo carril bici. Xa no Obelisco, realizaron distintas actividades nos puntos de información da Semana Europea da Mobilidade, coma a da Unidade de Tráfico da Policía Local, onde foron agasallados coa placa identificativa do corpo e cos distintos ferramentas para a ordenación do tráfico.

O concelleiro de Mobilidade, Juan Manuel Díaz Villoslada, recibiu ao alumnado no Salón de Plenos do Pazo de María Pita e explicou o funcionamento das sesións do pleno municipal e convidounos a opinar sobre como ven a súa cidade e a facer propostas para evitar problemas coma a contaminación e os atascos. O alumnado puido converterse así en concelleiros e aproveitaron a ocasión para trasladar as súas suxestións e pedir máis bicicletas eléctricas, máis paradas de bus e máis carrís bici.

Durante o acto Villoslada incidiu en que a mobilidade é un dos retos aos que se enfronta a cidade. O servizo de transporte público «debe converterse nunha das mellores solución da mobilidade na Coruña». Para iso, ampliaranse as liñas e se reorganizarán as frecuencias. Tamén, lembrou, que é importante establecer novos sistemas de entrada do transporte metropolitano na cidade.

Ao finalizar a sesión, Villoslada agradeceu aos participantes a visión que lle achegaban. “Son todas boas ideas, poñerémonos a traballar nelas”, que lembrou que “as portas de María Pita están abertas tamén para vós”.