Martes 10 de Decembro de 2019

A mocidade de Noia súmase á iniciativa “Fridays for future” e reclama respecto ao medio ambiente e acción contra o cambio climático


 

Rapaces e rapazas do IES Campo de San Alberto e do IES Virxe do Mar reuníronse diante da casa consistorial de Noia

Varios centos de rapaces e rapazas dos IES Campo de San Alberto e Virxe do Mar concentráronse este mediodía diante da casa consistorial de Noia para reclamar acción contra o cambio climático e respecto para o noso medio ambiente. Deste xeito, a mocidade noiesa súmase por primeira vez á iniciativa “Fridays for future”, un movemento internacional estudantil polo clima nacido no ano 2018 e que retoma as mobilizacións durante esta semana, coa vista posta na folga convocada por varias entidades para o vindeiro venres 27 de setembro en toda España.

Así, os rapaces e rapazas do IES Campo de San Alberto decidiron sumarse hoxe a este movemento reivindicativo, ao que convidaron a sumarse aos seus compañeiros e compañeiras do IES Virxe do Mar, que se concentraron diante da Casa do Concello de Noia para leren un manifesto en defensa do medio ambiente e no que instaban a tomar medidas urxentes para evitar o colapso climático. Ao acto sumáronse as concelleiras de Ensino, Mariola López Cierto, e Mocidade, Laura Salgado.