Sábado 14 de Decembro de 2019

A Xunta impulsa con ‘O Teu Xacobeo’ 6 proxectos na comarca do Barbanza que mobilizarán máis de 50.000€


Ovidio Rodeiro participou na presentación dun deses proxectos promovido polo Concello de Carnota
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou no acto de presentación do proxecto “Unha viaxe sostible para unha vida consciente” promovido polo Concello de Carnota no marco do programa de O Teu Xacobeo da Consellería de Cultura e Turismo.

Este evento, apoiado pola Xunta de Galicia con máis de 10.000 euros, consistirá na organización dunhas xornadas de turismo consciente entre o 24 e o 27 de setembro, dirixido a catro perfiles diferenciados: mulleres maiores de 65 anos, mulleres artistas, mulleres en situación de vulnerabilidade e deportistas de surf. O representante do Goberno autonómico destacou que “este evento pretende mostrar a oferta singular de actividades de crecemento persoal en espazos naturais para reforzar a espiritualidade e o benestar que transmite o Camiño de Santiago a Fisterra”

Ovidio Rodeiro subliñou que O Teu Xacobeo representa o carácter participativo, descentralizado e sustentable dun Ano Santo no que a cidadanía é a protagonista, xa que son os encargados de difundir os valores do Camiño de Santiago por toda Galicia.

O delegado da Xunta aproveitou a visita para facer balance dos proxectos O Teu Xacobeo na comarca do Barbanza que permitirá impulsar 6 iniciativas de dinamización en 6 concellos desta área (Mazaricos, Ribeira, Carnota, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Muros). Ovidio Rodeiro informou que estas actividades contan cun investimento de máis de 50.000 euros por parte da Xunta. Ademais, este programa contempla outras 54 actividades itinerantes que percorrerán varios concellos de Galicia que contan cun apoio da Consellería de Cultura de máis 793.000 euros. Neste tipo de actividades itinerantes, a comarca de Barbanza contará cun proxecto ecoordinado pola Asociación Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza, cunha achega de 14.000 euros. Na totalidade provincia da Coruña esta cifra ascende a 1,6 millóns de euros para organizar 171 actividades desde 2019 e ata abril do 2020.

Concretamente, nesta área O Teu Xacobeo impulsa rutas de navegación peregrinas como as programadas desde o Concello de Ribeira (Ribeira no Camiño) este verán co obxectivo de proponer aos participantes o mesmo percorrido que fixo o Apóstolo, desde o océano Atlantico ata o cruceiro do parque de Pedra Pateira, en Santa Uxía, considerado a porta de entrada na ruta xacobea do mar de Arousa e Ulla. Tamén no mes de setembro e outubro, dentro da programación prevista, o Concello da Pobra do Caramiñal coordinou A pobra Xacobea, cunha ruta en veleiro similar á ofrecida en Ribeira e visitas teatralizadas entorno ao camiño neste municipio.

Tamén coordinado por un Concello, o de Muros, o Xacobeo impulsa o proxecto de dinamización turística Dunha exposición permanente no Cachó, un programa que inclúe a sinalización dunha ruta por Louro que englobe o patrimonio desta zona (Monte, Lagoa, petroglifos de Laxe, hórreos e Via Crucis) así como unha exposición permanente no muíño de mares “Pozo do Cachón” como un dos sitios máis turísticos do concello.

E coa fin de falar tamén da riqueza do Camiño nesta comarca, neste caso dos recursos naturais, a Asociación EFA Fonteboa está a desenvolver un proxecto que ten un ámbito de implicación de varios concellos.

Igualmente, a Xunta de Galicia impulsará a edición dunha peza de cine experimental que confrontará a Galicia mítica e natural coa visión dos peregrinos e turistas que a visitan.

Ovidio Rodeiro destacou a “gran acollida” desta iniciativa, impulsada co obxectivo de implicar e fomentar a participación de todos os axentes da sociedade no deseño do próximo Xacobeo 21. De feito, O delegado territorial lembrou que que se recibiron un total de 652 propostas de toda Galicia nas tres liñas de axuda abertas e destacou que a gran afluencia de solicitudes levou a ampliar o investimento destinado a este proxecto, pasando dos 2 millóns iniciais a un total de 4,7.

Neste senso, subliñou que o obxectivo deste programa é que chegue ao maior número de concellos galegos, con especial atención aos máis pequenos, e que teña en conta os diferentes Camiños que abranguen máis de 1.500 quilómetros en toda Galicia.

A primeira liña de axudas está destinada a proxectos formulados por entidades locais (concellos galegos, mancomunidades, consorcios locais ou deputacións. A meirande parte destas iniciativas permitirán mobilizar recursos locais, fomentarán a innovación e o uso das TIC e farán especial énfase na promoción de artistas ou creadores galegos.

A segunda das liñas foi dirixida a propostas de pemes e particulares da Coruña en proxectos centrados no desenvolvemento rural, o impulso de talento emerxente ou o fomento da igualdade. Por último, a terceira das liñas permitirá que boten andar propostas de entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro da provincia. “Confiamos en que esta iniciativa sentará as bases dun Xacobeo que sintan como propio todos e cada un dos galegos”, apuntou Ovidio Rodeiro.

Cinco ámbitos de actuación
As iniciativas seleccionadas abranguen un total de cinco áreas: o ámbito artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, ámbito deportivo e ámbito social. O ámbito artístico comprende toda unha serie de disciplinas como artes visuais, arquitectura, deseño, cultura dixital, moda, cinema e documental, todo tipo de músicas, artes escénicas, literatura e libro. No eido do patrimonio, historia, pensamento e espiritualidade terán cabida foros de reflexión, encontros, publicacións, estudos, etc.

En canto a área gastronómica, inclúense experiencias e actividades de elevado valor engadido, que contribuirán a dar a coñecer e gozar do patrimonio enogastronómico de Galicia achegando a visitantes e locais unha parte das tradicións, oficios, cultura, historia e identidade territorial, así como a promoción de produtos con denominación de orixe ou indicacións xeográficas.

No ámbito deportivo realizaranse eventos de distintas disciplinas deportivas. Inclúense actividades dirixidas e ao aire libre como camiñadas ou rutas organizadas e tamén disciplinas relacionadas co benestar e o gozo respectuoso da natureza. Por último, o ámbito social contempla proxectos relacionados coa defensa dos dereitos humanos ou vinculados a colectivos vulnerables.