Mércores 16 de Outubro de 2019

Milleiros de romeiros e devotos de toda Galicia sobrepóñense ao orballo da mañá e compren coas tradicións do Día de Santa Mina


 

As cinco polbeiras estiveron cheas durante toda a mañá e as visitas ao sepulcro da Santa non superaron os 20 minutos de espera

A Romaría de Santa Minia de 2019 está a sobrepoñerse ben ás previsións iniciais de choivas para a noite do Día de Vésperas e para a mañá de hoxe, Día de Santa Minia. A choiva anunciada quedou máis ben nun orballo ocasional tanto durante a tirada de fogos de artificio da noite do xoves como ao longo desta mañá ata o mediodía, momento no que o sol volveu lucir, se ben os paraugas seguiron abertos pola avenida de Santa Minia, desta vez para protexerse do sol.

Milleiros e milleiros de devotos procedentes de toda Galicia (especialmente das comarcas de Santiago, Barbanza, Xallas e Ordes) ateigaron a contorna da capela de Santa Minia dende primeiras horas da mañá. O coordinador da festa, Alberto Álvarez, explica que “durante a tirada de fogos de artificio a carballeira estivo totalmente chea, así como as pulperías e os xogos para os máis cativos. E hoxe a afluencia é semellante a de anos anteriores, polo que agardamos que ao longo destes catro días pasarán unhas 35.000 persoas por Santa Minia”.

Pola súa banda, o alcalde brionés, José Luís García, agradece “o extraordinario traballo que están a realizar os traballadores municipais, así como os membros de Protección Civil, Policía Local, Garda Civil e persoal médico para que as festas se desenvolvan dentro da normalidade e sen ningunha incidencia”.

Oficios relixiosos

As visitas ao santuario comezaron ás nove da mañá. Nos momentos de máis afluencia, a iso das 13:00 horas, o tempo de espera era duns 20, se ben o tempo medio era próximo aos 10 minutos e mesmo houbo momentos nos que apenas había espera. Milleiros de devotos cumpriron coa tradición de bicar o sepulcro onde repousa a santa e pasar sobre el as típicas estampiñas de Santa Minia para que lles dean sorte durante todo o ano.

Coma xa é habitual, por razóns de seguridade as velas de ofrenda que traían os romeiros non se depositaron na capela, senón na casa reitoral, onde teñen lugar as misas. Unhas figuriñas de cera con formas de mans, brazos, cabezas, pernas… de acordo con aquela parte do corpo na que pidan a actuación de Santa Minia e que os devotos presentaran minutos antes diante da Santa tras mercalos nos postos que rodean a capela de Santa Minia.

Festa

Por outra banda, a carballeira e a avenida de Santa Minia centralizaron un ano máis a parte máis festiva da celebración, se ben este ano as atraccións infantís concentráronse detrás da biblioteca municipal. A avenida de Santa Minia contou con máis de 150 postos de venda de rosquillas, roupa, chourizos, queixos, xamón ibérico, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, pulseiras, velas, imaxes relixiosas, música, zapatos, xeados…

Outros que estiveron sempre cheos foron as cinco polbeiras emprazadas na zona, que non deixaron de vender racións de polbo e churrasco a 11 euros, entre outros produtos como carne ao caldeiro, pementos de Padrón, chourizo picante e mesmo algún con carta. A música da mañá correu a cargo da Charanga Os Jalácticos e do grupo de gaitas da Os Viqueiras de Ordes. A orquestra “Ibiza” encargouse da sesión vermú e protagonizará a verbena da noite canda “Marbella”.

O dispositivo de seguridade posto en marcha polo Concello de Brión funcionou sen incidencias, facilitando aos visitantes o lugar de aparcamento libre máis próximo á festa, especialmente ás persoas maiores ou con mobilidade reducida (estes últimos podían subir ben ata o polivalente, ben ata a propia carballeira, por outros camiños). Protección Civil confirma que ás 15:00 horas de hoxe non se tiña producido ningún tipo de incidencia.

Treixadura

Mañá sábado 28 terá lugar outro dos pratos fortes desta edición: o concerto de Treixadura e Xosé Lois Romero & Aliboria, ás 22:30 horas na carballeira de Santa Minia. Despois do gran éxito de público acadado o ano pasado por Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, Brión volve apostar pola música tradicional galega como un dos sinais de identidade destas festas de Santa Minia.

Previamente, a programación cultural preparada polo Concello de Brión inclúe a sesión vermú coa Charanga Os Celtas, que volverán actuar ás 20:00 horas, e a actuación de Patty Diphusa con “SuperHarte”, un espectáculo de circo e clown (17:30 horas). Ás 19:00 horas terá lugar unha das citas clásicas da Santa Minia: a actuación das Escolas de Danza e Música Tradicional do Concello de Brión.

Finalmente, o domingo 29 será unha xornada con moita maxia e choiva. As tormentas que se anuncian obrigan ao aprazamento do tradicional Festival de Bandas de Música Populares, no que ían actuar a Banda de Música Municipal de Brión e a Banda de Música Isabel II de Touro. Pola contra, si que poderá verse o espectáculo “A volta a Galicia en 313 concellos” do Mago Antón, xa que ten lugar nun trailer a cuberto no que cada hora van entrando grupos de 60 ou 70 persoas. Un divertido espectáculo de xogos de maxia para adultos e crianzas que poderá verse ás 12, 13, 17, 18, 19 e ás 20:00 horas. Ás 13:00 horas, a música correrá a cargo do grupo de gaitas Os Telludos.