Mércores 16 de Outubro de 2019

A madrugada do martes entrarán en vigor as bonificacións do 50% nas peaxes das autoestradas da Coruña-Carballo e do Val Miñor, que se aplicarán a todos os vehículos de luns a domingo


As dúas autoestradas autonómicas verán reducidas as súas tarifas en todos os traxectos que se realicen entre as 12 da noite e as 6 da madrugada
A Xunta comezará a aplicar na madrugada do martes as bonificacións dos 50% en horario nocturno nas peaxes das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57). Serán de aplicación a todo tipo de vehículos e estarán activas de luns a domingo.
Trátase dunha nova bonificación nocturna para as peaxes das dúas autoestradas autonómicas, que será de aplicación a partir do próximo día 1 de outubro en todos os traxectos que discorran polas mesmas entre as 12 da noite e as 6 da madrugada.
Estes descontos aplicaranse a todos os vehículos, lixeiros e pesados, que conten cun sistema de pago con telepeaxe.
O convenio de colaboración entre a Xunta e Autoestradas de Galicia, que regula as subvencións das peaxes nas autoestradas AG-55 e AG-57, permite manter as bonificacións de peaxe para itinerarios frecuentes, de volta no mesmo día, e vese agora mellorado coas bonificacións en horario nocturno.
Nestas autoestradas de titularidade autonómica xa se aplica dende o ano 2010 nos días hábiles unha rebaixa do 25% do importe da viaxe de volta dun traxecto de ida e volta, que se incrementa nun 50% na segunda e posteriores viaxes de volta en ambas as dúas autoestradas co uso do Vía-T.
Estas novas bonificacións en horario nocturno son acumulables ás anteriores. Así, a modo de exemplo práctico, no caso dos vehículo de carga que aproveite a bonificación nocturna (pesado 2), o custe do traxecto de ida e volta no caso da autoestrada A Coruña-Carballo baixará de 10,20 euros sen bonificación a 4,46€, e no traxecto Vigo- Baiona, de 6,80€ a 2,97euros.
A iniciativa ten como obxectivo promover o uso destas autoestradas en horarios nos que se atopan infrautilizadas para mellorar a seguridade viaria. Estas infraestruturas viarias dan servizo a centros de actividade económica como o Porto Exterior da Coruña, o polígono de Sabón e de Porto do Molle, que se verán beneficiados por esta medida.
O departamento de Infraestruturas da Xunta, pola suma destas bonificacións, deberá aboar á sociedade concesionaria neste ano 2019 preto dun millón de euros.