Mércores 16 de Outubro de 2019

A Concellería de Deportes impulsará a creación dunha zona específica para correr no paseo marítimo


 

A Coruña vivirá este domingo a súa carreira popular C10 máis inclusiva coa participación de atletas con discapacidade sensorial, funcional e intelectual

O edil de Deportes, Juan Ignacio Borrego, presentou esta mañá en María Pita xunto co presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, a XIII edición da Carreira C10 que se realizará este domingo ás 10.00 horas e na que se inscribiron un total de 3.460 persoas: 2.537 homes e 923 mulleres.

Durante a presentación, o edil de Deportes, no marco do compromiso do Goberno local co fomento do deporte e a mellora das instalacións, confirmou a intención do concello de poñer en marcha unha zona para correr específica que discorrería polo paseo marítimo onde as persoas “terían a posibilidade de controlar os seus adestramentos a través de distintos sistemas”. A nosa idea, dixo, é que sexa un circuíto urbano estable que reúna todas as condicións necesarias para a práctica do deporte.

Nesta edición, a carreira C10 dá un paso máis na inclusión social e correrán atletas con discapacidade sensorial, funcional e intelectual. Súmanse á categoría xa

existente de atletas en cadeiras de rodas homologadas e, por primeira vez, tamén se lles aplicarán as mesmas categorías ás carreiras de menores.
“Queremos potenciar a participación e contribuír desta maneira á práctica deportiva a todos os niveis, así como fomentar a sensibilización, o coñecemento e o respecto á diferenza”, sinalou o edil Juan Ignacio Borrego durante a súa intervención.

Doutra banda, o responsable de Deportes fixo fincapé na necesidade de políticas transversais “que permitan que o deporte se converta en marca da cidade”. “A Coruña ten todos os ingredientes para ser non só un escenario para a práctica do deporte, senón que tamén ten a capacidade para organizar eventos deportivos que sirvan como reclamo turístico”.

Pola súa parte, o presidente da FGA, Isidoro Hornillos, destacou o valor polifacético da carreira; o seu rendemento deportivo, o seu aspecto social e os elementos saudables. “Unha carreira que cumpre trece anos e que é todo un referente deportivo en España”, lembrou.
Tamén sinalou que para evitar as molestias que ocasiona a carreira ao desenvolvemento do tráfico na cidade, o circuíto cerrarase unha hora e media despois do comezo.

Organizada polo concello e a Federación Galega de Atletismo, a máis emblemática das carreiras da cidade, percorrerá un circuíto urbano de 10 km practicamente chairo e por asfalto na súa totalidade. Terá a súa saída na avenida da Habana e a meta estará no Paseo Marítimo, á altura do Palacio dos Deportes de Riazor.

Como novidades este ano instalarase na explanada de Riazor xunto ao podio unha pantalla xigante para retransmitir a carreira. Ademais poderase gozar dun espazo sostible Coca Cola, tamén na explanada de Riazor, con xogos participativos.

No aspecto deportivo, a carreira contará na categoría masculina co atleta kenyano de 19 anos, Shamack Kiprop, cunha marca de 28´26″ no 10.000 de Burjasot abril

2019 e tamén vencedor en 2019 do 10k Internacional de Albacete; e na categoría feminina coa atleta Jennifer Koech, marca persoal 32´36″ en El Doret 2018.

O acto contou coa presenza de Rebeca Tohux, responsable de Relaciones Externas de El Corte Inglés; María Silvia Rodríguez López, representante de Coca Cola; Jorge Blanco, Juez Árbitro Internacional RFEA, Sergio Castellanos, representante del Club Hércules Termaria e Pilar Fernández, presidenta do Clube Femenino de Atletismo ‘La Mochila del Deporte’.

SERVIZOS DA CARREIRA

Caixóns de saída: 5 caixóns de saída distribuídos segundo os dorsais asignados. As persoas participantes deberanse colocar na zona acoutada que lles corresponda na saída, segundo o dorsal que teñan asignado. Os caixóns organízanse por cores. Deberán estar nos seus postos 10 minutos antes do disparo oficial de saída.

Servizo de duchas e gardarroupa: as e os atletas contarán cun servizo para gardar a roupa no Frontón Municipal de Riazor, desde as 8:30 horas ata as 13:00 horas.
Servizo de duchas: estará instalado o servizo de duchas no Frontón Municipal de

Riazor dende as 10:00 ás 14.00 horas.

Servizo de fisioterapia: coa colaboración da Deporclínica e alumnado da Universidade de Fisioterapia da Coruña, estará dispoñible no ximnasio do Palacio de Deportes de Riazor.

WC: dispoñibles no Frontón Municipal de Riazor.

Avituallamento: no desenvolvemento da carreira establecerase un punto de avituallamento entre os quilómetros 5 e 6, no paseo marítimo, para favorecer a hidratación das e dos atletas durante o exercicio. Tamén ao seu paso pola meta

poderán recoller o avituallamento líquido e sólido proporcionado polos patrocinadores: Coca-Cola e Horno San Brandán.

Chips e dorsais: todas as persoas corredoras deberán levar ben colocado o dorsal que leva incorporado o chip. Haberá varios puntos de control de chips ao longo de todo o percorrido. A participación sen dorsal, ou doutra persoa corredora ou cun dorsal que non sexa o oficial da proba está totalmente prohibida.
Os dorsais pódense recoller no departamento de Deportes de El Corte Inglés de

Ramón y Cajal, o venres 4, de 17.00 a 22.00 horas, e o sábado 5, de 10.00 horas a

21.30 horas.

Todas as categorías corren con chip e dorsal, excepto a categoría prebenxamín que soamente leva dorsal.
A entrega de premios: realizarase no palco situado na explanada de Riazor, en canto terminen as carreiras de menores, aproximadamente ás 13:30 horas.

CARREIRAS DE MENORES

Horarios e características:

CATEGORÍA HORARIO DISTANCIA
Xuvenil/sub18 (nados/as anos 2001/2002) 11:30 1.920 m aprox.
Cadete/sub16(nados/as anos 2003/2004) 11:50 1.920 m aprox.
Infantil/sub14 feminino (nadas anos 2005/2006) 12:10 1.125 m aprox.
Infantil/sub14 masculino (nados anos 2005/2006) 12:20 1.125 m aprox.
Alevín/sub12 feminino (nadas anos 2007/2008) 12:30 820 m aprox.
Alevín/sub12 masculino (nados anos 2007/2008) 12:35 820 m aprox.
Benxamín/10 feminino (nadas anos 2009/2010) 12:40 820 m aprox.
Benxamín/sub10 masculino (nados anos
2009/2010)
12:45
820 m aprox.

Prebenxamín (nados/as anos 2011/2012/2013) 12:50 150 m aprox.