Mércores 16 de Outubro de 2019

O goberno local presenta unha campaña especial de vixilancia e control de estacionamentos incorrectos de vehículos


O obxectivo, apuntou a alcaldesa, é previr e corrixir os malos hábitos que provocan “serios trastornos na mobilidade urbana, así como na seguridade das persoas usuarias das vías”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o máximo responsable de seguridade do Concello, Carlos García Touriñán, presentaron esta mañá a campaña especial de vixilancia e control de estacionamentos incorrectos de vehículos que poñerá en marcha o goberno local a partir da vindeira semana.

O obxectivo, apuntou Rey, é previr e corrixir os malos hábitos que provocan “serios trastornos na mobilidade urbana, así como na seguridade das e dos usuarios das vías”. Esta campaña trata de poñer o foco naqueles estacionamentos incorrectos que persisten no tempo e que gozan de certa impunidade. Asegura que estes malos hábitos das/os condutoras/es persisten no tempo “ante a inexistencia dunha política correctora, continuada, sistemática e educadora, debido á propia dimensión dos recursos humanos policiais e ao volume de servizos xerados e demandados pola cidadanía”. “Non se trata só da dobre fila, senón de todos os estacionamentos incorrectos, como poden ser os dos pasos de peóns, contedores, encima das beirarrúas ou impedindo a saída e entrada aos portais”.

Nesta campaña especial participarán todas as dotacións e persoal de servizo, nas súas respectivas zonas de intervención e atendendo igualmente aos criterios de prioridades e especificidades establecidas desde as súas respectivas xefaturas de

unidade. De maneira directa e específica, en función do persoal dispoñible no servizo diario, asignaráselles como labor exclusivo a aquelas patrullas e dotacións establecidas a través da planificación semanal que se levará a cabo por parte das xefaturas das unidades de distritos diúrna e de tráfico. Igualmente na quenda de noite estableceranse dispositivos individualizados para a vixilancia e o control de infraccións nas zonas delimitadas neles. Inés Rey adiantou que se sumarán a tráfico varias patrullas motorizadas que ata o de agora realizaban unicamente tarefas de seguridade cidadá. “Fago un chamamento a todos e todas as condutoras para que fagan un uso cívico das vías públicas. Non queremos sancionar, non é o obxectivo, pero farase se é necesario”, apuntou Rey.

As infraccións prioritarias para vixiar serán os estacionamentos nas esquinas das rúas, que restan visibilidade e dificultan ou impiden o xiro; a dobre fila/carril de circulación; dobre fila preto de pasos de peóns, ciclistas ou cruzamentos que restan visibilidade; vehículos estacionados diante dos contedores de lixo que obstaculizan parte do carril de circulación; vehículos estacionados nos illotes, refuxios, medianas, dificultando a visibilidade doutros vehículos ou de peóns; vehículos estacionados sobre as beirarrúas, paseos, pasos de peóns e pasos rebaixados e zonas axardinadas (total ou parcialmente); paradas de bus e de carga e descarga; reservados para persoas con diversidade funcional; vehículos estacionados fóra dos límites da ORA ou vehículos estacionados en lugar prohibido.

A alcaldesa asegurou que esta campaña será permanente e espera que as sancións non se eleven, posto que isto significaría que os condutores e as condutoras se concienciaron deste problema endémico da cidade.