Xoves 12 de Decembro de 2019

O Concello colabora na 6.ª edición de Exporpymes, o encontro de internacionalización empresarial da Coruña


 

A edila Eva Martínez Acón clausurou o acto de inauguración do evento que este ano reúne máis de 90 importadores de 30 países e 150 empresas galegas exportadoras

Esta mañá a concelleira de Innovación, Industria, Emprego e Consumo, Eva Martínez Acón, clausurou o acto de inauguración da 6.ª edición de Exporpymes, o encontro de internacionalización empresarial, impulsado pola Cámara de Comercio da Coruña e no que colabora o Concello da Coruña, que reúne no recinto feiral Expocoruña máis de 90 importadores de 30 países e 150 empresas galegas exportadoras, co obxectivo de establecer entre eles novas relacións de negocio.

No acto de inauguración tamén interviñeron o presidente da Cámara de Comercio, Antonio Couceiro, o deputado provincial, José Ramón Riobóo, a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, e o director da área Internacional do Igape, Augusto Álvarez Borrás.

Martínez Acón felicitou a Cámara por esta nova edición que “cada ano amplía o número de participantes e permite o acceso a importadores aos que, doutro xeito, sería difícil que puidesen acceder as pemes galegas” e valorou o evento como “mecanismo eficaz para poñer en común e establecer relacións bilaterais entre as empresas galegas e as pemes e importadores”.

Canto ás exportacións máis aló de Europa, a edila sinalou que “aínda que o 70% das exportacións de bens se centraron no noso continente, é necesario abrir outras opcións” e asegurou que as administracións deben “apoiar a industria cunha aposta clara pola innovación para facer as nosas empresas competitivas e que lles permita

acceder a novos mercados como motor necesario para o desenvolvemento da nosa

economía”.

Este ano participan por primeira vez empresarios de Senegal, Tunes, Xordania, Dinamarca, Suíza, Ghana e Burkina Fasso, ademais dos xa habituais como Estados Unidos, Reino Unido, Polonia, Moldavia, República Checa, Colombia, Perú, México, Israel, Turquía, Panamá, Costa Rica, Croacia, Irlanda, Austria, Bulgaria, Etiopía, Alxeria, Togo e Costa do Marfil. Como nas anteriores edicións, terán lugar diferentes misións inversas e os representantes das pemes asistentes terán a oportunidade de manter entrevistas persoais cos importadores destes destinos.