Luns 09 de Decembro de 2019

BNG e PSOE aproban en solitario unha moción a prol da reindustrialización da comarca


A moción que pretendía defender o PP bateu cunha emenda á totalidade apoiada polos votos do grupo nacionalista e do único representante socialista

 

O pleno extraordinario convocado para a tarde deste venres levaba na orde do día o debate dunha moción presentada polo Partido Popular -quen solicitou o propio pleno- na que se demandaba a inmediata reactivación da central térmica das Pontes e, en caso contrario, a dimisión de Teresa Ribera, Ministra para a Transición Ecolóxica en funcións. O texto do PP non se chegou a debater, posto que o BNG presentou unha emenda á totalidade que reflicte literalmente a postura adoptada polos 25 alcaldes e alcaldesas do norte das provincias da Coruña e Lugo, quen hai escasos días asinaron unha declaración institucional reivindicando un plan de reactivación industrial para toda esta zona do que sexan partícipes a Xunta e o Estado. A emenda -que na práctica é outra moción completamente distinta- quedou aprobada cos votos do BNG e do PSOE entre críticas ao PP de «electoralismo» e de traer ao pleno unha moción «que non se sustenta e cun acordo sen sustancia». Na votación final as concelleiras e o concelleiro do Partido Popular optaron pola abstención.

A sesión comezou coa aprobación da acta da sesión anterior para, deseguido, entrar xa no miolo do tema central do día. Nese momento pediu a palabra a portavoz municipal do BNG, Mari Carme Muíño, para sinalar que o seu grupo tiña unha emenda á totalidade do texto que o Partido Popular rexistrara canda á solicitude do pleno.

Foi a propia Muíño quen comentou a exposición de motivos da proposta de acordo alternativa, que comezou referíndose aos «graves ataques» que está sufrindo a industria galega, nomeadamente o peche da térmica das Pontes, e o «desacordo e profunda inquedanza» que se está manifestando en toda a comarca ante o seu incerto futuro industrial.

O BNG considera na introdución da emenda que neste momento se deben procurar accións e propostas que conten «co maior grao posible de consenso» e, en consecuencia, «fuxir de propostas puntuais, ineficaces ou con intencionalidade electoralista», en clara referencia á moción orixinal do PP que, segundo o BNG, «non vai ao cerne no problema e só se centra en pedir medidas ambiguas e reclamar a dimisión da ministra do ramo».

Por esta razón, o BNG fixo propia a declaración institucional rubricada o 30 de setembro polas alcaldías de 25 municipios do arco comprendido entre Miño e Viveiro, que abrangue as áreas máis afectadas polo peche de Endesa, pero tamén pola situación de «emerxencia industrial» que pesa sobre Alcoa, Navantia, Gamesa, Reganosa, etc. «que pode arrastrar a miles de traballadoras e traballadores e a todo un tecido empresarial vinculado ao sector industrial». Recorda a redacción que nos últimos anos se perderon 10.000 empregos no naval, 2.700 na propia Endesa, 409 en Gamesa, 200 en conservas La Jira e 150 en Pizarras Campo.

Unha situación, en definitiva, que non só sería atribuíble a problemas das empresas, senón que tamén ten a súa raíz «nun déficit importante en materia de infraestruturas ferroviarias e viarias, no impacto do prezo da enerxía e no despoboamento».

Neste sentido, a declaración institucional reconvertida a moción insta «con urxencia» ás administracións competentes en materia de industria -Xunta e Estado- a que se leve a cabo unha «iniciativa conxunta de reactivación económica e captación industrial» nestas comarcas que, necesariamente, debe pasar polo fomento da política industrial «nos sectores do naval, a enerxía, a fibra de madeira, a transformación do sector primario, o metalúrxico e o tecnolóxico, así como o aproveitamento de todas as potencialidades existentes». A declaración remata pedindo «as correspondentes entrevistas» para expoñerlles a problemática aos ministerios de Industria e de Fomento, e ás consellerías de Economía, emprego e Industria e de Infraestruturas.

Que a moción do PP non se debatese non significou que non houbese debate durante os 20 minutos xustos que durou o pleno. María Belén Trigo recoñeceu como «un labor ben feito» que todos os alcaldes e alcaldesas se puxesen de acordo nesta cuestión e aclarou que a súa moción pretendía puntualizar que «todos os grupos políticos dentro do Concello apoiamos aos traballadores [de Endesa e dos sectores afectados]», ademais de esixir a dimisión da ministra en funcións -«que non vai dimitir, xa o sabemos todos»- por non terlle feito «seguimento» á central, tal e como se comprometera a facer hai un ano co alcalde das Pontes, Valentín González.

O socialista Lois Anxo Rodríguez valorou a postura do PP como «electoralista» e cualificou «positivamente» que a comarca acadase unha «unidade de acción que mobilice todas institucións a nivel estatal, galego e europeo para que se sensibilicen con este tema».

Nunha segunda quenda de intervencións, Mari Carme Muíño acusou ao PP de «desmarcarse do consenso» e de ser «pouco respectuoso» co colectivo de persoas afectadas, sinalando que a situación actual «é un tema suficientemente grave como para que nos poñamos a traballar todos xuntos para buscar unha solución». Na réplica, María Belén Trigo defendeu a súa proposta como unha medida de presión cara ao goberno central «ao mellor hai que facer cousas así para que nos escoiten», dixo, suxerindo que as medidas de presión foron as que deron como resultado o desbloqueo dunha parte das transferencias adebedadas polo Estado ás comunidades autónomas. Trigo pediu, ademais, que os asuntos tratados nas xuntanzas das alcaldías en relación con este tema tamén se lle trasladen aos grupos da oposición «para poder falalos». Aí retrucoulle Lois Anxo Rodríguez, quen se ofreceu a «falar máis antes de ter que convocar un pleno».

O ramo ao debate púxoo Secundino García cunha ampla disertación que contextualizou a situación actual no escenario dunha comarca «moi condicionada» polas decisións tomadas no seu momento polo INI, antigo propietario de Endesa e Alcoa, empresas ambas que acabarían «privatizadas por decisións políticas». Nese sentido, Secundino deixou no aire que «debe facerse un exame de conciencia e recoñecer que aquelas decisións foron un erro: todos os países do noso entorno teñen os sectores estratéxicos, como a electricidade, en mans maioritariamente públicas. Non podemos estar a expensas de decisións dun consello de administración». García engadiu que «o goberno non pode ir a remolque dos lobbys enerxéticos» e recordou que a privatización de Endesa «empezouna Felipe González e seguiu Aznar. E nós agora miramos para a cheminea. Se o o Estado fose propietario maioritario de Endesa, non tomaría dun día para outro esta decisión [de pechar a térmica]». Finalizou o rexedor indicando que a moción proposta polo PP -a que non se chegou a debater- «non se sustenta, nin ten sustancia o acordo», sobre todo no referido á dimisión dunha ministra «que xa está dimitida porque dentro de quince días hai eleccións».

A emenda proposta polo BNG votouse, obtivo os apoios nacionalistas e do edil do PSOE e quedou automaticamente aprobada. O PP nin a apoiou nin a rexeitou, senón que se abstivo.