Sábado 14 de Decembro de 2019

A Coruña e Arteixo comprométense a conectar ambos os paseos marítimos cun novo carril bici na zona de Bens


 

O executivo de Inés Rey terá en conta as peticións de Arteixo na configuración dos pregos da xestión de residuos para que o concello limítrofe regrese á planta de Nostián

A alcaldesa, Inés Rey, reuniuse esta mañá no consistorio co seu homólogo en Arteixo, Carlos Calvelo, nunha primeira reunión de carácter oficial entre a rexedora e o rexedor dos dous concellos veciños.

Inés Rey asegurou que ambos os concellos “están chamados a entenderse, a cooperar e a colaborar na medida en que esas colaboracións beneficien a veciñanza dos dous municipios” e, explicou, trataron temas “de carácter estratéxico en canto a infraestruturas, transporte, xestión de servizos públicos, como o ciclo da auga e o tratamento de residuos, ademais de vermos en que podemos mellorar as nosas relacións e o futuro dos nosos concellos”.

A rexedora anunciou un proxecto en común en canto ás infraestruturas dos municipios lindeiros: “O remate do carril bici que vai polo tramo de Bens correspondente ao Concello da Coruña que conectaría co concello veciño”. Rey explicou que “Arteixo faría pola súa banda esa conexión pola beira do mar e, deste xeito, conectaríanse ambos os concellos con ese carril bici”. Pola súa banda, Carlos Calvelo fixo fincapé en que con este proxecto conxunto “teríamos un dos carrís bici máis amplos de España e de Europa”.

Canto á planta de Nostián, o rexedor de Arteixo anunciou que están abertos a levar

os seus residuos alí “sempre e cando o novo contrato o permita” e, espera,

“poidamos incorporar os nosos residuos á planta, xa que estamos moi preto e sería moi eficiente para o municipio de Arteixo”.

A esta petición, Rey respondeulle que “aínda que o prego non está licitado, teremos en conta e estudaremos a súa petición xa que non queremos que Arteixo estea fóra de Nostián”.

Carlos Calvelo, na súa valoración deste encontro, agradeceulle ao Concello da Coruña “un cambio significativo como foi a liña de bus 6 que se introduciu en Meicende cunha aceptación e rendemento moi importantes e, nas últimas semanas, a introdución da liña 24”.

Por outra banda, outro dos temas principais foi a necesidade de traballar conxuntamente no ciclo integral da auga entre os concellos da área metropolitana. Inés Rey asegurou que é necesaria unha política global entre todos os municipios da bisbarra co obxectivo de compartir e mellorar os servizos para a veciñanza.