Luns 09 de Decembro de 2019

Rey destacou a mellora da mobilidade e da seguridade peonil que suporá a rotonda de Salgado Torres


A alcaldesa e o concelleiro Juan Manuel Díaz Villoslada visitaron a obra dunha glorieta que estará operativa a finais de novembro

A alcaldesa Inés Rey e o concelleiro de Urbanismo, Juan Manuel Díaz Villoslada, visitaron esta mañá a rotonda de Salgado Torres, que se está a executar dentro dos prazos previstos. A rexedora explicou que houbo un pequeno retraso polas condicións en que se atopaba o firme, o que supuxo leves cambios nos plans iniciais, pero que, con todo e iso, o 20 se abrirá ao tráfico un dos lados do túnel de Salgado Torres: “Calculamos que para finais de novembro ou primeiros de decembro, a obra estará totalmente terminada e operativa con algúns que outros flocos que non lles afectarán nin ao tráfico nin á mobilidade”, e que se acometerán no mes de decembro.

Rey destacou o bo ritmo desta actuación dividida en fases e “que mellorará a mobilidade dunha zona que ten unha gran densidade de poboación e actividade comercial e que comunica coa estación de autobuses”. Engadiu que a reordenación do tráfico lles dará máis seguridade ás peoas e aos peóns e conectará os tramos de carril bici, que non eran continuos ata o de agora.

Pola súa parte, Villoslada sinalou que os traballos se axustan ao orzamento anunciado “sobre a fase inicial de certificación, pero van sobre o previsto”, e que as modificacións están dentro das incidencias normais das obras.

A saída incluíu unha visita á Sala de Pantallas da Policía Local con motivo do inicio

da campaña da dobre fila e do mal aparcamento, para saber “como está

funcionando o dispositivo a través da sala. Comprobámolo coas e cos axentes na rúa, pero agora queremos coñecer o que se fai desde as tripas”. Rey incidiu en que se están estudando as frecuencias dos varridos que fan as cámaras e que, como se anunciara, estaba fixado en dous minutos e medio.

Para Rey, o tempo é excesivo para comezar porque “non queriamos colapsar o sistema; empezar sen présa, pero sen pausa, cunha campaña informativa, que a cidadanía saiba que non se pode estacionar en dobre fila, nunha parada de bus nin na beirarrúa, prácticas que supoñan un perigo para as persoas viandantes”. A alcaldesa cre que este tipo de operacións precisan dun período de concienciación: “Primeiro é a concienciación, despois o aviso e a información e por último, a sanción”.