Mércores 11 de Decembro de 2019

A Xunta apoia con 134.000€ a mellora da competitividade do comercio de proximidade na comarca do Barbanza


A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina catro axudas para apoiar o asociacionismo nos centros comerciais abertos de Noia, Boiro, Rianxo e Ribeira

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a Confitería Aroufana, acompañado por Yanira Somoza, presidenta da Asociación de Comerciantes e Profesionais Noia Histórica. Esta entidade é unha das beneficiarias das axudas de colaboración de máis de 40.000 euros, aprobadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, que teñen como obxectivo reforzar o papel destas asociacións na dinamización do comercio na actividade das vilas e cidades galegas a través de iniciativas que permiten atraer clientela e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores.

Ovidio Rodeiro apuntou que “esta orden de axudas pretende fomentar un novo modelo comercial intelixente, competitivo e adaptado ás novas necesidades que reclaman os clientes”.

Na comarca do Barbanza apoiaranse aos 4 centros comerciais abertos de Noia, Boiro, Rianxo e Ribeira cunhas axudas que superan os 134.000 euros. Estas achegas destínanse a proxectos que inclúan iniciativas de dinamización comercial, sistemas de fidelización, sinalización externa ou mellora da competitividade comercial, entre outros.

Como novidade, entre as actuacións apoiadas inclúese a creación de sinerxías e oportunidades dixitais a través do asociacionismo, con axudas para a posta en marcha de solucións dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados e mellora e modernización da imaxe do centro comercial aberto, a implantación e mellora do portal web do CCA ou márketing dixital. Cada entidade pode obter apoios de ata 40.000 euros, en función do número de comercios asociados e a poboación da localidade na que estean situados.

No ámbito provincial a Xunta concederá en total a centros comerciais abertos, prazas de abastos e federacións de comercio 26 axudas cun investimento total que supera os 672.000 euros.

Estas achegas enmárcanse no Plan Estratéxico de Impulso ao comercio de Galicia, que ten como entre os seus retos o establecemento dun novo modelo de comercio intelixente que sitúe ao cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.