Martes 10 de Decembro de 2019

15 crianzas empezaron hoxe os Espazos das Familias canda as súas mamás e papás


San Sadurniño leva desde 2011 desenvolvendo pola súa conta un programa de educación e lecer que recolle o testemuño do desaparecido Preescolar na casa

 

O programa municipal Espazos das Familias é unha proposta que pretende xuntar a nais, pais e rapazada de preescolar nun mesmo lugar para aprenderen todo aquilo que fai falla aprender para un desenvolvemento pleno dos nenos e nenas menores de 3 anos, nun momento en que empezan a ser conscientes do mundo arredor e que é clave para o proceso de socialización. O obxectivo dos obradoiros que se desenvolverán os mércores cada quince días é que as familias compartan tempo coa cativería e tamén con outras familias tendo sempre á man unha persoa de apoio que guíe as actividades e que poida solventarlles calquera dúbida.

O primeiro día dos Espazos das Familias foi hoxe á tarde. A Casa da Cultura converteuse durante hora e media nun rebumbio de meniñas e meniños brincando baixo a mirada atenta dos papás e mamás, a quen lles entregaron un pequeno “kit” coa descrición do programa, os horarios e distintas autorizacións necesarias para levalo a cabo. Da presentación encargouse a concelleira de Igualdade, Ana Belén Breixo, quen lles deu a benvida tanto ás 9 familias que participaron nel o ano pasado como ás outras 6 que se incorporan nesta edición por primeira vez.

A concelleira expresou o compromiso municipal co mantemento dun programa asumido pola súa área no ano 2011, trala desaparición do Preescolar na Casa, e tamén animou aos pais e nais a que achegasen “calquera idea ou suxestión” que poida axudar a melloralo. Breixo suxeriulles que aproveitasen o tempo compartido que ofrece o Espazos das Familias e que vivan ao máximo os momentos cos nenos e nenas a idades tan temperás xa que, segundo asegurou como nai, “os pequenos medran moi rápido”.

Pola súa banda, a coordinadora dos Espazos…, Lucía Formoso, explicou como se van desenvolver os obradoiros ao longo dos próximos meses. “En xeral vaise impartir coma os anos anteriores, unha hora e media cada dous mércores, ou sexa, dous mércores no mes. E a base vai ser a mesma: imos facer unha introdución da actividade, sempre con algunha canción ou co manteo -que é algo que aos nenos e nenas lles gusta moito- e despois faremos actividades, teremos o conto do día e, ao final, sempre falamos dalgún tema de interese para as familias”.

Con respecto a anteriores edicións, a educadora pretende introducir como novidade xogos e exercicios que favorezan máis aínda a psicomotricidade e a autonomía da cativería. “Serán actividades máis sensoriais, onde a rapazada interveña dunha forma moi práctica, ofertándolles materiais para que experimenten. Por exemplo follas secas, cartóns, teas… cousas que deban manexar coas mans e que estimulen as súas capacidades”, comenta Formoso.

A intervención da especialista será mínima. Tal e como asegura, o seu papel é o de servir simplemente como guía das actividades, posto que se intenta que as familias “interaccionen entre elas e que aprendan a interactuar cos seus fillos e fillas, algo que ás veces costa… Por exemplo, hai nais e pais que fan as cousas polos nenos en vez de ensinarlles a que as fagan por si mesmos”.

Segundo Formoso, outro dos beneficios que ofrece o Espazos das Familias é o da socialización de rapazada que nunca foi á gardería e que, nun entorno rural coma o noso, non se relaciona con tanta frecuencia con nenas e nenos da súa mesma idade. Aos pais e nais tamén se lles facilitan algunhas claves da educación que se deben ter en conta dentro da familia, ademais de insistirlles na importancia do seu exemplo como referente dos nenos e nenas en cuestións como coeducación e igualdade.