Mércores 11 de Decembro de 2019

¿Comían ostras os Andrade?


 

A pregunta do titular vén a conto dos estudos arqueolóxicos que se están desenvolvendo no castelo de Naraío, onde as escavacións das últimas semanas sacaron á luz unha grande cantidade de entullos da época medieval e, entre eles, cunchas deste exquisito bivalvo. Se o degustaron ou non os Andrade -ou alguén da estirpe dos Piñeiro, anterior propietaria da fortaleza- é algo imposible de saber, pero todo apunta a que, efectivamente, as ostras entraban no menú dos señores e que, ademais, as cascas se utilizaban como un material de construción. Nada novo, por certo, xa que tal e como asegura o equipo de arqueólogos que traballa en Naraío, atopar cunchas de marisco en sustratos antigos é algo habitual en Galicia. De feito, o detalle das ostras no título desta nova non deixa de ser un simple gancho para falar do que é realmente importante: o feito de que o castelo está revelando nova información sobre a súa verdadeira dimensión e ratificando a cada paso o seu dereito a figurar entre os nomes das grandes fortalezas galegas.

Os achados dos últimos días -ostras incluídas- son froito das catas arqueolóxicas que se están facendo en distintos puntos do castelo, como parte do proceso de consolidación e de mellora de accesibilidade a todo o conxunto cofinanciado pola Deputación da Coruña e o Concello de San Sadurniño. Dese labor de prospección encárgase un equipo de Estela Arqueoloxía e Patrimonio, quen escavou ou tomou mostras en catro zonas, aínda que as máis evidentes pola terra movida e pola acumulación de materiais son as dúas situadas xusto ao pé da fachada sur do torreón.

«Nas sondaxes que fixemos na parte exterior, nunha porta de acceso documentamos parte do inicio dunha bóveda que tería a muralla do castelo», explica Francisco Alonso, arqueólogo á fronte das escavacións. Trataríase de confirmación de algo que xa viña recollido no estudo publicado en 1903 por Andrés Comerma i Batalla (véxase o plano da páxina 27), a primeira aproximación máis ou menos rigorosa á historia e configuración do fortín. «Despois -prosegue Alonso- nunha zona próxima ás portas de acceso principal, tamén atopamos un muro do que non tiñamos constancia e que pecha unha grande estancia do castelo primixenio».

As referencias documentais falan da fortaleza a partir do século XIV, momento en que se fai con ela Fernán Pérez de Andrade «O Bóo» tras arrebatarlla ao seu lexítimo propietario, Gonzalo Piñeiro, do que pouco se sabe. Polo feito de que o castelo de Naraío xa existía antes do Andrade e polas súas características construtivas, crese que a edificación se foi ampliando aos poucos alomenos desde o século XIII ou principios do XIV. Eses momentos tamén se ven a través das escavacións, tal e como detalla Alonso. «Este castelo ten varias fases e na orixinal apareceu un muro cargado con grandes sillares moi ben traballados e asentados directamente sobre a rocha nai.»

Cinco séculos de derrubamentos
A retirada da capa vexetal e dos sustratos acumulados deixaron á vista partes da estrutura que estiveran ocultas por mor de derrubamentos fortuítos, pero tamén doutros provocados durante a Grande Guerra Irmandiña do século XV ou polos repetidos espolios que se produciron desde que ficou abandonada, aló polo arranque do século XVII. «Hai moito espolio incluso en época histórica. Os Irmandiños tiran abaixo o castelo e xa nese momento a pedra vaise empregando en construcións próximas. Pero despois deles o castelo volve reedificarse, volve quedar en abandono e volve espoliarse. E ese espolio vai desde épocas moi antigas até os nosos días. Atopamos en niveis moi profundos cristais relativamente recentes. Aí vemos que ata os anos 50 [do século XX] aquí estívose collendo pedra. Cada época ten a súa maneira de pensar e de proceder e nos anos 50 vir ao castelo coller pedra era algo normal e así se facía».

Un castelo máis rechamante do que pensamos
Ademais das partes estruturais, as catas arqueolóxicas tamén mostran a abundancia de lousas e, sobre todo, tellas fragmentadas. Iso e outros descubrimentos efectuados nos últimos días obrigan a imaxinar o castelo cunha aparencia distinta á que vemos hoxe ou á que poidamos ter armada na cabeza por influencia das películas ou da tradición oral que chegou ata os nosos días. Para Francisco Alonso é necesario «cambiar a imaxe que temos do castelo como un castelo gris e todo con granito» posto que, tal e como afirma, Naraío foi un complexo «que tiña partes brancas, xa que atopamos paredes caleadas, e tamén moito tellado de tella». Ante estas evidencias o arqueólogo convida a repensar como debía ser todo o conxunto no pasado: «había o gris do granito, pero tamén o vermello da tella e o branco dos encalados… iso cambia moitísimo a perspectiva que temos hoxe en día del».

Ostras, peches e bisagras de cinco séculos
Entre os materiais que saíron á luz a base de paciencia e minuciosidade, agora si, tamén están as ostras. Poderíase pensar que quedaron no castelo tras unha merendada campestre dun pasado recente, pero a profundidade á que apareceron indica que non, que as cunchas son do tempo en que o castelo estivo habitado, é dicir, como pouco teñen 550 anos.

«O consumo de ostras nos castelos nobiliarios é unha constante. A ostra desde antigo é un ben de luxo e aquí as casas nobres consumíana. E, a maiores, a ostra ten carbonato cálcico e podes utilizala nos muros, tanto nos propios morteiros como para utilizalas de ripios. Entre as xuntas dos sillares vas colocando ostras e vanchas nivelando e tapando xuntas e funcionan moi ben» comenta Alonso restándolle relevancia ao caso.

Para o experto ten se cadra maior importancia o achado de partes dun portón durante os traballos de prospección que se desenvolveron no interior do edificio principal. «No interior da torre atopamos un nivel con bastantes carbóns e con algunhas pezas metálicas bastante curiosas. Apareceu un grande peche dunha porta e máis unha bisagra, que son pezas de metal que en xeral en Galicia non se conservan moi ben e estas estaban nun estado de conservación bastante bo».

A datación destes obxectos de metal farase comparándoos pola súa feitura con outros similares dos que xa se teñen datos temporais. Para establecer a idade dos materiais orgánicos empregarase a técnica do Carbono 14. Segundo o responsable arqueolóxico das obras que se están levando a cabo, a fortaleza de Naraío «ten moito que contar» máis aló das catro catas realizadas nas últimas semanas. «Ten moitos metros para seguir falando, hai un montón de muros no seu exterior e tamén habitacións fóra do castelo, na ladeira, que hai que documentar e investigar. O castelo era moito máis grande do que vemos hoxe en día: tiña moitos máis muros, un foxo… era un sistema defensivo complexo».

Con estes argumentos e en base ao que se vai sabendo desde que hai aproximadamente unha década se empezase cos traballos de posta en valor deste ben de interese cultural, o arqueólogo Francisco Alonso sentenza que o castelo de Naraío «é un dos grandes descoñecidos da comarca e de Galicia. Un pensa en castelos galegos e sempre está o de Pambre, o de Soutomaior, o de Monterrei ou o máis próximo de Moeche… pero Naraío non ten nada que envexarlles a ningún deles».

Os primeiros avances sobre as indagacións arqueolóxicas e os detalles sobre a marcha xeral das obras coñecéronse esta mañá, no transcurso dunha visita á fortaleza por parte de persoal da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia -quen financia o proxecto técnico- acompañado de representantes do goberno local, da empresa adxudicataria dos traballos -Desarrolla Obras y Servicios S.L.- e do director da actuación, o arquitecto José Antonio Alonso.

O obxectivo desta fase é mellorar a accesibilidade e a seguridade do recinto por medio dunha rede de camiños e valados que percorran os lugares máis destacados do castelo. Ademais tamén se contempla construír unha estrutura metálica que permita acceder ao punto máis alto do torreón. A obra está cuantificada en preto de 170.000 euros.