Mércores 11 de Decembro de 2019

Touro fai un investimento de 40.000 euros na mellora das súas instalacións deportivas


 

O Concello de Touro investiu 39.992 euros na mellora das instalacións deportivas municipais ubicadas na zona de servizos situada nas proximidades da praza do Luar, onde tamén está situada a piscina, o PAI, a Casa da Cultura e a zona de autocaravanas. Estas instalacións ao aire libre contan con pistas de fútbol sala, baloncesto e campos de tenis. O investimento sumou un total de 39.992 euros. Vicepresidenta e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza apoiou o investiento cunha subvención do 70% da cantidade total, que supón 27.520 euros. O resto correu de conta do propio Concello de Touro. A maior parte do investimento destinouse á mellora dos peches das instalacións deportivas, con 14.328 euros. O equipamento deportivo precisou 5.707 euros; as actuacións previas, 5.141 euros; as marcaxes deportivas, 2.521 euros; o mobiliario urbano, 3.649 euros; e a xestión de residuos, 386 euros.

O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, destacou a necesidade de poñer a punto e renovar as citadas instalacións deportivas. “Precisaban unha renovación e xa están listas para que os veciños e veciñas de Touro poidan facer uso delas”, manifestou o rexedor municipal, quen reflexou “o esforzo do Concello para manter en bo uso o patrimonio que é de todos os habitantes de Touro”.