Mércores 11 de Decembro de 2019

Medio Ambiente analiza cos tecores da zona de Betanzos e Eume as implicacións da declaración da emerxencia cinexética temporal


A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, aclara aos representantes das sociedades de cazadores desta comarca que só terán que comunicar á xefatura territorial da Coruña a súa intención de facer batidas durante aquelas xornadas que non estean recollidas xa no seu plan cinexético anual
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda continúa coa súa rolda de reunións cos tecores das catro zonas nas que, tal e como anunciou a semana pasada, declarará a emerxencia cinexética temporal. Hoxe foi a quenda dos representantes dunha vintena de sociedades de cazadores pertencentes a área de Betanzos-Eume, cos que a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, mantivo unha xuntanza na Coruña para aclarar todas as dúbidas e cuestións derivadas da decisión que acaba de adoptar o Goberno galego en resposta á actual problemática do xabaril.

Acompañada da xefa territorial de Medio Ambiente en A Coruña, Cristina Carrión, Belén do Campo trasladoulles que será precisamente a Xefatura Territorial a que actuará como o seu enlace para a posta en marcha das distintas medidas que, a curto e medio prazo, se prevén executar unha vez sexa declarada de forma oficial a emerxencia cinexética temporal nos 14 concellos incluídos nesta área: Aranga, Betanzos, Cabanas, A Capela, Coirós, Curtis, Irixoa, Monfero, Miño, Oza-Cesuras, As Pontes, Paderne, Vilasantar e Vilarmaior.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda anunciou hai unha semana a súa intención de declarar zonas de emerxencia cinexética temporal as comarcas do Deza, Betanzos-Eume, Terra Chá e Viana, escollidas tras constatar que nas mesmas se daban circunstancia especiais de incidencia dos danos ocasionados polo xabaril á agricultura. Por este motivo, considerouse prioritario incidir nestas zonas coa adopción de medidas que permitan axilizar os mecanismos de control sobre a especie, permitíndose abater ou capturar exemplares de xabaril de ambos sexos sen límites de cupo durante o período hábil de caza, que na tempada actual abranguerá ata o 29 de febreiro de 2020.

Neste sentido, Do Campo sinalou que esta decisión se adoptou tras a análise da información dispoñible e en consenso cos cazadores, xa que a procura de solucións ante o problema que supón o xabaril require da colaboración do sector, que tamén estivo representado na reunión polo presidente provincial da Federación galega de caza, José María Álvarez.

De feito, a Xunta conta co apoio e o respaldo ao devandito plan por parte da Federación Galega de Caza, a entidade máis representativa deste colectivo na Comunidade e un interlocutor imprescindible á hora de establecer mecanismos de colaboración entre Administración e cazadores, na adopción de medidas de prevención e control dos danos ocasionados por especies cinexéticas, así como na divulgación entre o sector de información básica para o desempeño da práctica cinexética.

Así mesmo, a directora xeral tamén lles avanzou que esta semana sairá publicada no DOG a resolución na que se regulan e establecen as medidas concretas a adoptar nestas catro áreas, nas que se permitirá a caza, con carácter xeral, durante todos os días da semana, aínda que con certas particularidades para o caso das zonas libres. Así, nos terreos cinexéticos permitirase a caza durante todos os días da semana, excepto nas zonas libres, nas que no período que abrangue ata o 6 de xaneiro de 2020, poderán realizarse cazarías de xabaril os luns, martes, mércores, venres e sábados, sempre que non sexan festivos; e entre o 7 de xaneiro e o 29 de febreiro de 2020, ambos incluídos, cando poderán efectuarse cazarías os luns, martes, mércores e venres, sempre que non sexan festivos.

Belén do Campo tamén lles explicou como será o procedemento previo. Así, en todos os casos requirirase unicamente unha comunicación previa á xefatura territorial correspondente, efectuada cunha antelación mínima de 10 días naturais, o que supón unha importante axilización dos trámites necesarios para poder levar a cabo estas accións. Non obstante, a directora xeral aclarou que, no caso dos tecores, só deberán presentar esta comunicación para poder cazar para aquelas xornadas que non estiveran previstas xa dentro do seu plan anual cinexético 2019/2020.

No caso de actuacións de agarda ou espera permitirase agrupar varias xornadas nunha soa comunicación, o que supón tamén unha importante simplificación. Nesta modalidade de caza e de modo excepcional, poderase empregar un visor convencional óptico de aumento nas prácticas nocturnas e fontes luminosas para a iluminación dos albos ou pezas de caza.

A directora insistiu na necesidade de contar coa colaboración do colectivo dos cazadores, pois a declaración prevé que se poida autorizar aos propietarios dos terreos afectados a realizar agardas ou esperas, podendo contar para elo coa colaboración de terceiros, con autorización do titular do aproveitamento cinexético; e ademais permitirase a captura de exemplares mediante o emprego de gaiolas. Esta última medida tamén será autorizada para os terreos non cinexéticos e, no caso de que non sexa efectiva, permitiranse esperas, previa solicitude do interesado e sempre que se acredite a existencia de danos.

Implicación das administracións
Por último, a directora xeral aproveitou a reunión para incidir novamente na necesidade de colaboración dos concellos e das deputacións, para que se impliquen nas medidas informativas sobre o xabaril e tamén nas preventivas en canto á xestión da biomasa forestal e control das zonas de maleza. Lembrou que estes espazos son idóneos para a cría e o asentamento dos xabarís pois atopan nelas refuxio e, en ocasións, están moi preto de zonas de produción agrícola ou urbanas, o que propicia as súas incursións na procura de alimento.