Sábado 14 de Decembro de 2019

A Xunta e o Clúster de Turismo crean os Premios Galicia de Rurismo que recoñecerán iniciativas exitosas do sector


Outorgaranse un total de nove galardóns a persoas, empresas e proxectos que contribúan a mellorar o desenvolver o sector turístico da Comunidade
A Xunta e o Clúster Turismo de Galicia impulsarán a primeira edición dos Premios Galicia de Turismo, uns galardóns que recoñecerán iniciativas exitosas de persoas, entidades ou empresas co fin de desenvolver e mellorar o sector turístico galego. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, presentaron hoxe esta iniciativa nun acto no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) no que tamén estivo presente a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro.

Na súa primeira edición, os premios contarán con nove categorías. Tres delas terán carácter honorífico e serán outorgados a persoas que contribuíron ao longo da súa vida á consolidación e prestixio de Galicia como destino turístico. Serán as categorías de Embaixador/a Nacional, Embaixador/a Internacional e Pioneiro/a.

Outros cinco premios serán concedidos por un xurado composto por representantes da Xunta, do sector e do mundo da universidade e recoñecerán iniciativas vangardistas e relacionadas co turismo sustentable, proxectos dirixidos á posta en valor do patrimonio histórico, artístico ou cultural de Galicia, accións de márketing ou comunicación para potenciar a imaxe da nosa Comunidade como destino turístico ou eventos de promoción turística.

Por último, premiarase tamén ao mellor Escenario de Galicia a través dunha votación online aberta ao público entre 24 fotografías de distintos destinos turísticos galegos destacados pola súa beleza, coidado ou conservación.

“Vocación de continuidade”
O conselleiro de Cultura e Turismo destacou que se trata dunha iniciativa froito da colaboración entre a Xunta e o sector que nace “con vocación de continuidade”. Ademais, Román Rodríguez puxo en valor o peso do turismo como motor económico e xerador de emprego. Recordou que ese sector representa o 10,4% do Produto Interior Bruto de Galicia e o 11% dos empregos que se crean na Comunidade e agardou que estes premios sirvan para visibilizar o traballo dos profesionais e das empresas do sector. “Queremos que estes premios se convertan na gran festa do turismo galego”, resumiu.

Engadiu que este evento permitirá amosar máis alá das nosas fronteiras as potencialidades do “modelo turístico galego”, baseado na sustentabilidade, a innovación, a calidade, e a aposta pola mellora da profesionalización e a competitividade co fin de favorecer a desestacionalización e a descentralización dos fluxos turísticos.

Pola súa banda, o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, destacou que esta iniciativa forma parte da colaboración entre a Xunta e o sector co obxectivo de promocionar Galicia como destino turístico e seguir favorecendo o desenvolvemento sostible “dunha industria turística moderna e competitiva”.